TURISMO

Turismo de Santiago busca aos novos "chaquetas vermellas"

05/06/2008 Para reforzar os servizos de información turística durante a temporada alta, Turismo de Santiago reunirá un ano máis a un grupo de voluntarios que, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, serán "informadores móbiles" nas principais rúas e prazas do casco histórico compostelán.

Os "chaquetas vermellas" son xa coñecidos non só polo seu vistoso uniforme, senón tamén pola valiosa axuda que prestan cada verán a turistas e peregrinos informando sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer da cidade, aloxamentos, medios de transporte, enderezos e moitas outras cuestións.

Para esta campaña búscanse mozos e mozas maiores de 18 anos e con coñecementos de galego, castelán e inglés (valorables outros idiomas), que poidan dedicarse a este proxecto do 1 de xullo ao 3 de agosto ou do 4 de agosto ao 31 de agosto.

Os interesados poden solicitar máis información ou presentar o seu currículo en Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63, de 9:00 a 21:00 horas) ou polo correo electrónico ot@santiagoturismo.com ata o día 13 de xuño.

O programa é unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, conxuntamente co Consello Social e coa Oficina de Voluntariado da Universidade de Santiago de Compostela.

Compartir: