CONSORCIO

Stephen Hawking, premio Fonseca de divulgación científica

03/06/2008 O científico británico Stephen Hawking, coñecido fundamentalmente polos seus traballos sobre os buracos negros no Universo e por ser un dos maiores divulgadores da ciencia na actualidade, foi galardoado co premio Fonseca na súa primeira edición. Este galardón de divulgación científica está promovido polo Consorcio e pola Universidade de Santiago ao abeiro do programa ConCiencia.

O prestixioso científico xa confirmou a súa asistencia á cerimonia de entrega, que se celebrará ao longo de 2008 en data aínda sen determinar, e declarou que lle gustaría vir acompañado da súa filla e do seu neto a Santiago de Compostela.

O premio Fonseca, de carácter internacional, naceu co obxectivo de recoñecer a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia e pretende resaltar como un importante valor o interese e a capacidade de amosar á sociedade a necesidade e a beleza do coñecemento de xeito sinxelo e atractivo.

O xurado desta primeira edición estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o catedrático de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; o director de programas do Consorcio, Xosé Denis; o director do Planetario de Pamplona, Javier Armentia; o director do programa da TVG "Ciencia Nosa", Xosé Rodríguez Durán; e o comisario do programa Conciencia, Jorge Mira. Todos eles destacaron unanimemente a importantísima traxectoria do profesor Hawking e a súa gran achega á divulgación científica.

Stephen Hawking
Nado en 1942 en Oxford, Hawking ocupa dende os seus 37 anos a famosa cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge. Esta cátedra, fundada en 1663, foi ocupada, entre outros, por Isaac Newton e polo premio Nobel de Física Paul Dirac.

Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Esta enfermidade dexeneroulle de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dunha das súas pálpebras.

Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica, pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas céntranse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.

Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A brief history of time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos. Precisamente este labor de divulgación así como a súa "importantísima imaxe pública" foron as claves que determinaron que o xurado lle concedese este galardón na súa primeira edición.

Premio Fonseca
O Premio Fonseca leva o nome dun dos fundadores da Universidade compostelá, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.

As persoas candidatas deben ser acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica cara ao público en xeral, ben coa utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación ou ben a través de métodos ou medios innovadores. Tamén poderán ser obxecto de recoñecemento aqueles que coa súa actividade supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.

Compartir: