ALCALDÍA

A Asemblea da CCAA aproba a Carta Atlántica de Desenvolvemento Urbano Sostible

03/06/2008 A IX Asemblea da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico, reunida en San Sebastián, baixo da presidencia do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou a Carta Atlántica de Desenvolvemento Urbano Sostible.

O acto comezou coa benvida do alcalde donostiarra Odón Elorza, ao que seguiu a intervención do deputado xeral da Deputación de Guipúzcoa, Markel Olano. De seguido tomou a palabra o presidente da Conferencia e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen abriu as intervencións da Asemblea.

Sánchez Bugallo subliñou a importancia desta asemblea, na que se pon de manifesto, unha vez máis, o exercicio práctico da construción de Europa co concurso das cidades. Logo realizou un análise da realidade das cidades no concerto mundial para asegurar que "as nosas cidades xa nunca poderán competir en tamaño coas do Oriente, onde a masificación é evidente".

"Naturalmente -dixo Sánchez Bugallo-, nós non nos propoñemos acadar esas dimensións porque queremos cidades con calidade de vida axustadas ás dimensións humanas". Polo mesmo significou que "debemos unir sinerxias que nos aporten esa calidade de vida sen perder esa dimensión humana que nas nosas cidades nos permite ter consideración de individuos e protagonismo dentro da vida urbana. No mundo global no que vivimos non hai que esforzarse por ser os máis grandes senón os mellores".

Centrándose no tema principal da asemblea, Xosé A. Sánchez Bugallo, concluíu que "debemos seguir traballando por un modelo de cidade de tamaño medio cun medio ambiente sostible. Cidades compactas, non dispersas, atractivas, competitivas como sintetiza a Carta que asinaremos, onde quedan claros os nosos intereses comúns neste sentido".

Na Asemblea acordouse a reorganización dos grupos de traballos en tres comisións, das que Santiago de Compostela presidirá a correspondente a "Estratexia e coordinación", cuxo principal obxectivo será negociar as políticas relativas ás especificidades atlánticas e a coordinación de accións con Estados, Rexións e outros actores do espazo atlántico.

Contidos da Carta
Os alcaldes e presidentes de redes da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, nesta IX Asemblea comprometéronse a respectar e promover a Carta Atlántica de Desenvolvemento Sostible, que no seu preámbulo pon de manifesto que a comunidade científica está de acordo en recoñecer o impacto da actividade humana no cambio climático e as ameazas que se cernen non só sobre a biodiversidade, senón tamén sobre a poboación.

Con esta Carta, as cidades atlánticas manifestan a súa vontade de perpetuar esa vocación do espazo atlántico a prol dunha estratexia anovada centrada no desenvolvemento sostible e da definición dun novo modelo urbano verdes.

A Conferencia de Cidades do Arco Atlántico comprométese mediante a Carta de San Sebastián a:

1.- Aspirar á exemplaridade en materia de medio ambiente.
Reducir o consumo enerxético dos nosos territorios.
Limitar a expansión urbana en beneficio dun modelo de "cidade compacta".
Mellorar a eficacia enerxética dos edificios.
Promover ás enerxías renovables.
Desenvolver transportes públicos eficaces e modos sostibles.
Protexer a biodiversidade atlántica.
Valorizar os residuos.
Identificar ás autoridades locais como exemplo de loita contra o cambio.

2.- Apoiar o desenvolvemento económico sostible e innovador.
Reforzar a capacidade en materia de innovación, de I+D e de economía do coñecemento.
Apoiar o desenvolvemento de ecoactividades.
Apoiar as PYMES.
Mobilizar a favor dunha mellor accesibilidade do espazo atlántico.

3.- Reforzar a cohesión e a heteroxeneidade social.
Nas políticas de urbanismo, primar heteroxeneidade social.
Apoiar as accións en favor da solidariedade e da cohesión social.
Promover a mobilidade urbana.
Implicar e sensibilizar á poboación nas opcións de desenvolvemento urbano.

4.- Apoiar e valorizar a identidade compartida das cidades atlánticas.
Valorizar o patrimonio marítimo das cidades.
Promover a riqueza cultural do espazo atlántico.
Proseguir os esforzos en beneficio da calidade de vida.
Fomentar o turismo sostible.

5.- Desenvolver unha cooperación máis aberta, eficaz e ambiciosa.

Compartir: