REHABILITACIÓN

Comeza o prazo para solicitar as axudas para a rehabilitación de elementos de madeira nos inmobles da Cidade Histórica

02/06/2008 Foi publicado no BOP a proposta da Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica para conceder axudas á rehabilitación de edificios e vivendas en execución do Plan especial de protección e rehabilitación da zona vella compostelá. Para solicitar a información na súa totalidade pódese realizar calquera tipo de consulta na Oficina de Rehabilitación e Cidade Histórica situada no nº 59 da rúa do Vilar.

O obxecto concreto destas axudas, para as que hai destinadas unha cantidade de 275.000 euros, é fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira. Destacan dentro deste tipo de elementos as portas de entrada aos edificios e tamén as galerías ou as xanelas. Os beneficiarios destas axudas poderán ser os propietarios, arrendatarios ou aquelas persoas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles nos que se sitúen ditos elementos. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de bens e as comunidades de propietarios en edificios con réxime de propiedade horizontal.

Os inmobles nos que realicen as obras obxecto de subvención deberán ter as condicións suficientes de seguranza estrutural e estanquidade fronte á choiva, ter unha antigüidade superior a 10 anos; e deberán estar destinados ao uso de vivenda, hoteleiro en categoría 2ª, comercial, oficinas en clase I ou industrial. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases da convocatoria de axudas no BOP. As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Concello.

Estas axudas responden a un dos obxectivos principais da Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica como é potenciar a rehabilitación do noso patrimonio histórico. Neste caso a contía da subvención en obras de rehabilitación e restauración, onde se manteña o elemento orixinal de madeira, poderá ser ata o 50%. Nas obras de reposición onde se substitúe o elemento por un novo poderá ser ata o 40%.

Compartir: