ALCALDÍA

Sánchez Bugallo preside en San Sebastián a IX Asemblea das Cidades do Arco Atlántico

02/06/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o inicio da IX Asemblea Xeral da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico en San Sebastián. No decurso da mañá tiveron lugar as reunións dos grupos de traballo e na tarde a xuntanza do buró executivo da organización, para tratar temas de organización interna deste importante grupos de cidades europeas, cuxa presidencia ostenta na actualidade o alcalde de Compostela.

Os catro grupos de traballo da organización fixeron balanzo das xestións realizadas por cada un deles nas correspondentes materias asignadas. Este grupos están definidos como "Cultura e patrimonio", "Transporte e accesibilidade", "Desenvolvemento urbano e cidades portuarias" e "Desenvolvemento económico".

No que atinxe máis directamente a Santiago de Compostela, hai que salientar os avances na organización da Exposición Internacional Itinerante, "Cidades atlánticas, portas da mundialización", que percorrerá as cidades membros do grupo. Na devandita mostra porase de manifesto a importancia das Cidades do Arco Atlántico no desenvolvemento de Europa ao longo da historia común do continente.

Esta mostra terá unha especial dedicación aos diferentes Camiños de Santiago. Na xuntanza presentouse a base de contidos e chegouse o acordo de que cada unha das cidades participantes disporá dun espazo de 400 metros cadrados para amosar os seus contidos específicos. A organización da mostra correrá a cargo do Museo de Europa de Bruxelas e ao orzamento da mesma contribuirán as CC.AA. asociadas ao evento. O orzamento definitivo e o calendario quedarán pechados unha vez concluído o deseño da mostra. O título definitivo será "Cidades atlánticas, portas da mundialización".

Hai que salientar a importancia desta exposición itinerante, que poñerá en común aspectos de grande interese para a difusión e coñecemento das cidades do arco atlántico entre si. Neste sentido, a introdución dos Camiños de Santiago como eixo de relación aporta un valor indiscutible ao deseño da exposición. A presenza de Santiago de Compostela tamén vai simbolizar perfectamente as relacións do conxunto de Galicia con América, en estreita relación con vilas e cidades netamente atlánticas do ámbito galego como son os portos de Baiona, Vigo ou A Coruña.

Nas xuntanzas do martes 3, baixo da presidencia de Xosé A. Sánchez Bugallo, a XI Asemblea analizará o compromiso das CC.AA. para o desenvolvemento sustentable, as cidades atlánticas fronte ao cambio climático, economía creativa e innovación nas cidades e cohesión territorial.

Finalmente terá lugar a sinatura da Carta Atlántica de San Sebastián de desenvolvemento urbano sustentable.

Compartir: