MEDIO AMBIENTE

Ábrese o prazo para solicitar as autorizacións de uso das hortas municipais de Belvís

02/06/2008 Do 4 ao 7 de xuño estará aberto o prazo de solicitude das autorizacións para a concesión de uso das hortas municipais no parque de Belvís.

Os solicitantes deberán achegar a seguinte documentación: instancia de solicitude, DNI e, de ser o caso, documento acreditativo da condición de persoa xubilada ou prexubilada. Todo isto entregarase no Rexistro Xeral do Concello.

Así se aprobou na Xunta de Goberno, ao igual que a validación das solicitudes formuladas no período habilitado para a preinscrición no programa (15 ao 26 de febreiro). Ademais, nomeouse a comisión encargada de avaliar as solicitudes, presidida pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos.

Finalmente, fixouse o sorteo público a que se refire o artigo 5 da Ordenanza para o mércores 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Trisca.

Monte de Dios
Tamén no eido do medio ambiente, o Goberno local decidiu presentar perante a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios e Financiamento Territorial do Ministerio de Facenda a solicitude do "Proxecto de Rexeneración do Monte de Dios", cun orzamento de 180.303 euros.

O proxecto conta cun financiamento de 126.212 euros procedentes do FEDER. A data de finalización prevista é decembro de 2008. Grazas a esta iniciativa procederase á eliminación de escombros, ao desbroce da vexetación, á conformación do miradoiro, á creación dunha zona de usos polivalente e á integración do depósito de auga no contorno. O proxecto esténdese sobre unha superficie de 6.600 metros cadrados

Compartir: