DEPORTES

Fallados os premios do XII Concurso de Fotografía Deportiva

30/05/2008 O xurado do XII Concurso de Fotografía Deportiva fixo públicos os gañadores do certame. A fotografía titulada Esforzo, de Alberte Sánchez Regueiro, obtivo o primeiro premio, que conta cunha dotación económica de 1.000 euros.

O segundo premio recaeu en José María Vicente López, polo seu traballo Arte Acuático I, mentres que o terceiro foi para Mª M. López Cacheda, por unha instantánea denominada Arqueiro. Á vista da calidade dos traballos, o xurado tamén decidiu conceder dous accésits: o primeiro para José Ángel Hernández Gómez, pola fotografía Ramsdell e Manu, e o segundo para Juan Diéguez Vázquez, que presentou unha fotografía titulada O home e a pedra.

Un ano máis, este Concurso de Fotografía Deportiva quixo premiar as mellores fotografías sobre temas deportivos e relacionados con calquera faceta ou práctica deportiva, non necesariamente competitiva. Cada concursante puido presentar un máximo de tres fotografías. O segundo e o terceiro premio recibirán, respectivamente, 700 e 400 euros.

Nesta edición, o xurado, presidido polo concelleiro de deportes, Andrés Fariña, estivo composto por Antonio Bermúdez Vidán, membro da Xunta Directiva da Federación Galega de Periodismo Deportivo; Alberto Suárez Buyo, fotógrafo profesional da empresa Margen Fotografía; Mª Consuelo Suárez Quintela, responsable de Comunicación do Multiusos Fontes do Sar e Juan Carlos Garabato Rodríguez, técnico do Departamento de Deportes do Concello.

Compartir: