PLENO

A concelleira de Seguridade Cidadá deu conta ao Pleno da sentenza que invalida o convenio do Parque Comarcal de Bombeiros

29/05/2008 Na sesión ordinaria do Pleno municipal, a concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, deu conta da sentenza do Tribunal Supremo que invalida o convenio asinado no seu día para a creación do Parque Comarcal de Bombeiros.

A concelleira, indicou que, á vista da sentenza, se iniciaron conversas coa Xunta e coa Deputación da Coruña a fin de que clarifiquen cal será o modelo de parque comarcal polo que opten. As opcións son dúas: manter o Parque Comarcal ou que este volva a ser parque local e que se constrúa un parque comarcal noutro concello limítrofe. Neste sentido, o alcalde avogou porque sexa unha Lei de Bombeiros a que clarifique todos estes aspectos.

Sobre a situación actual do Parque, Sánchez Bugallo lembrou que en 2000 había 43 bombeiros, e que co convenio do Parque Comarcal se pasou a 76 efectivos, ademais de renovarse o material. "Hoxe estamos igual que en 2000, pero con 68 bombeiros e material novo", resumiu o alcalde a propósito da sentenza.

En calquera caso, indicou Álvarez Santullano, os bombeiros seguirán a prestar o deber de auxilio e socorro marcado pola Lei de Emerxencias de Galicia.

Mocións sobre o túnel da Galuresa e sobre os transxénicos
O Pleno municipal tamén aprobou na súa sesión do 29 de maio dúas mocións. Unha delas, ratificada por unanimidade, incide na necesidade de acurtar o prazo de construción do túnel da Galuresa, que a empresa adxudicataria fixou en 28 meses. O alcalde anunciou que lle transmitirá esta petición ao director xeral de Carreteras e ao secretario xeral de Infraestruturas, do Ministerio de Fomento, nas xuntanzas que manterá con eles os días 10 e 11 de xuño, respectivamente.

A outra moción, aprobada cos votos favorables do Grupo de Goberno, aposta por declarar a Santiago como zona libre de cultivos transxénicos. A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, referiuse aos prexuízos medioambientais destes cultivos e á súa incidencia negativa sobre as variedades autóctonas para xustificar esta moción. Quedan excluídos os cultivos utilizados para a investigación científica.

Compartir: