PLENO

Néstor Rego formalizou a súa renuncia como concelleiro

29/05/2008 O ata agora tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, deu conta o Pleno da súa renuncia como membro da Corporación municipal. Este anunciara a súa marcha do Concello nunha rolda de prensa o 24 de maio.

Antes de formalizar a súa marcha, Néstor Rego tivo ocasión de defender a aprobación definitiva do regulamento do Consello de Compostela Cultura. Despois, despediuse da Corporación afirmando ter actuado dende o seu cargo "con absoluta fidelidade aos meus principios" e declarándose "orgulloso de ter traballado para os nosos veciños e veciñas". "Renuncio como concelleiro, pero non á condición de cidadán activo comprometido con Santiago e con Galicia", concluíu.

Despois da intervención de Rego, chegou a vez dos voceiros municipais e do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen apuntou o seu "afecto, respecto e recoñecemento" cara o concelleiro nacionalista. "Deches o mellor de ti ao servizo da cidade de Santiago e botarémoste de menos", dixo, lembrando tamén que él, xunto a Néstor Rego e Xosé Baqueiro, eran os únicos que quedaban da Corporación de 1995.

Pola súa parte, a voceira do BNG, Socorro García Conde, expresou o "recoñecemento ao traballo, ao talante e á capacidade de diálogo" de Rego. Tamén a voceira socialista, Marta Álvarez-Santullano, tivo palabras de agradecemento "pola súa contribución a facer unha Compostela mellor". Indicoulle ao concelleiro e tenente de alcalde que podía ir "coa satisfacción da dedicación ao cargo e do deber cumprido".

Finalmente, o voceiro do grupo municipal popular, Gerardo Conde Roa, recoñeceu o traballo politico de Rego. Ademais, tivo o xesto de devolverlle a Rego un libro doado por el e posteriormente adquirido polo concelleiro popular nunha subasta benéfica.

Esta renuncia pon fin a trece anos de Rego como membro da Corporación en representación do Bloque Nacionalista Galego. Deixa a acta de concelleiro, segundo dixo, por razóns persoais. A partir deste momento incorporarase ao seu traballo como profesor de lingua galega no ensino secundario.

A súa vacante será ocupada pola avogada Olga Pedreira, que terá as competencias de Rehabilitación e Cidade Histórica. Socorro García Conde asumirá a Tenencia de Alcaldía e a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais.

Compartir: