PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela promociónase no Estado brasileiro da Bahía

29/05/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo organiza, entre o 1 e o 6 de xuño, unha misión para promocionar Santiago en Salvador de Bahía (Brasil). A misión, encabezada polo concelleiro Xosé Manuel Iglesias, estará integrada por representantes do sector turístico da cidade, do ámbito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e do sector empresarial.

A misión ten como principais obxectivos promocionar turisticamente Compostela, nun contorno brasileiro sensible cara ao Camiño de Santiago; reforzar o contacto institucional coas administracións competentes do Estado da Bahía en aspectos relacionados coa economía e o turismo; e consolidar lazos con asociacións que aglutinan á diáspora galega asentada na Bahía, así como coñecer os proxectos desa comunidade relacionados co Camiño de Santiago.

As distintas actividades programáronse tendo en conta o crecemento económico experimentado polo Estado de Bahía na última década, moi superior á media do Brasil. Este crecemento propiciou a aparición de novos segmentos poboacionais con capacidade económica para consumir produtos turísticos que teñen como destino Europa. Santiago está na mellor das disposicións para ser receptora desta demanda potencial. Ademais, este crecemento foi posible grazas a sectores industriais como transportes, comunicación e saneamento, xa consolidados no tecido empresarial compostelá, o que abre a posibilidade para que Santiago acolla no futuro unha misión empresarial procedente do Estado da Bahía.

O programa deseñado pola Concellaría de Promoción Económica contempla sesións de traballo dos responsables de turismo con entidades como Caballeros de Santiago, o Centro internacional de negocios da Bahía (PROMO), e coas Faculdades de Turismo na Sede da Asociación Bahiana de Axencias de Viaxes (ABAV). Neste último encontro tamén estarán os representantes da USC, que tamén se entrevistaráno Reitor da Universidade Católica de Salvador de Bahía, e visitarán o Hospital Español que, roito do esforzo dos emigrantes galegos, conta con máis de 120 anos de historia e é unha referencia en atención médica no Brasil. Os representantes do sector empresarial manterán sesións de traballo con responsables do Centro Internacional de Negocios da Bahía, a Associaçao Comercial do Estado da Bahía o Sindicato da Industria e Construçao, a Federación de Industrias do Estado da Bahía e a Compañía de Desenvolvemento Urbano do Estado da Bahía (CONDER).

Tamén está prevista unha visita ao Pólo Industrial de Camaçari, o maior complexo industrial integrado do Hemisferio Sur. Conta con máis de 60 empresas químicas, petroquímicas e de outras ramas de actividade, como a industria do automóbil, a celulosa, etc. En concreto, a delegación encabezada por Xosé Manuel Iglesias visitará o Complexo Industrial Ford Nordeste, a primeira fábrica de automóbiles do nordeste do país, caracterizada polo seu alto nivel de automatización e pola súa extensión, xa que ocupa unha área de case cinco millóns de metros cadrados; e o Centro Integrado de Manufactura e Tecnoloxía CIMATEC. Neste centro fórmanse profesionais cualificados para actuar en procesos industriais e automatizados en áreas de tecnoloxía punta.

Compartir: