EDUCACIÓN

A Escola de Verán de Inglés abre novamente as súas portas

28/05/2008 O IES Rosalía de Castro acollerá a sétima edición da Escola Municipal de Verán de Inglés, que abrirá as súas portas durante todo o mes de xullo. Participarán alumnos de 6 a 15 anos, en horario de 8:30 a 14:00 horas. O prezo é de 160 euros para o mes completo e de 100 euros para a quincena.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova edición da Escola de Verán de Inglés, que pretende consolidar o nivel de inglés adquirido durante o curso escolar polos alumnos. Ademais, mellorarase a súa competencia co idioma e potenciarase a inmersión dos escolares no mundo do inglés e da cultura anglosaxona.

Faranse grupos en función da idade e do nivel de inglés. O número máximo de alumnos a tempo completo será de 180. Todos eles recibirán unha mochila, unha carpeta e un lapis, así como un listado de contidos do curso, información bibliográfica por materias e documentación sobre itinerarios e centros de interese da cidade.

A Escola desenvolverase en tres bloques. No primeiro, os rapaces adquirirán fluidez á hora do falar e o profesor traballará con eles as estruturas gramaticais e a pronunciación. Esta formación complementarase con obradoiros e outras actividades. Haberá obradoiros, impartidos tamén en inglés, sobre elaboración dun libro, música, pintura ou cociña, entre outros. Ademais, os alumnos realizarán saídas ao mercado, ao servizos do Concello e a distintos museos.

O prazo de pre-inscrición vai do 2 ao 9 de xuño. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

XIII Certame de Teatro Intercentros
A concelleira aproveitou tamén para lembrar que o 3 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, celebrarase a entrega de premios do XIII Certame de Teatro Intercentros, cuxas representacións tiveron lugar do 21 ao 28 de abril. A obra gañadora foi Carraxe, do grupo de teatro Vai no dentista, do IES Xelmírez I.

Están nominadas a mellor actriz Ofelia Carrero, Alicia Heinrich e Carmen Orosa, todas elas do IES Xelmírez I, polos seus papeis en Carraxe; e Alicia Castelo, do IES Rosalía de Castro, pola súa actuación na obra Equus. Como mellor actor foron nominados José Antonio Da Silva e Pablo González Antón, do IES Antonio Fraguas, polos seu papeis na obra O rei nu e Diego Luís Díaz, do CPI de Bembibre, por Se o vello Simbad.

Compartir: