DEPORTES

Actividades de balde e para todos no Día do Deporte

28/05/2008 Compostela vivirá o sábado 31 do maio unha nova edición do Día do Deporte. Esta xornada, que sirve para pechar as campañas deportivas municipais do curso 2007-2008, será unha boa oportunidade para practicar diversos deportes e de balde no multiusos Fontes do Sar e nas piscinas de Santa Isabel. Baloncesto, fútbol sala, waterpolo, loitas olímpicas, tiro con arco ou atletismo serán algunhas das disciplinas dispoñibles.

O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou estas actividades, que no caso do multiusos Fontes do Sar comezarán pola coa campaña de minibásquet "Memorial Lorenzo de la Torre" organizada pola Federación Santiaguesa de Baloncesto. Xa pola tarde, finais da Copa "Concello de Santiago" de fútbol sala, organizadas pola Agrupación de Deportistas Veteranos, e un obradoiro de globoflexia para disfrute dos máis cativos.

Durante todo o día, o recinto ofrecerá de balde diversas actividades, como unha xincana ciclista, aberta á participación de nenos e adultos. O reto consistirá en realizar un circuíto de habilidade no menor tempo posible. A organización poñerá a disposición dos asistentes bicicletas para poder participar. Entre todos sortearase unha bicicleta.

Tamén haberá simuladores de golf e de tiro en 3D, que permitirán competir a varios xogadores en destreza tanto na práctica do golf como na precisión do tiro con carabina. Outra disciplina será a das loitas olímpicas. Así, sobre un tapiz oficial os nenos e nenas poderán coñecer dunha forma lúdica as habilidades básicas necesarias para practicar este singular deporte.

A oferta deportiva complétase co atletismo indoor, cun espazo adaptado para a ocasión, e co tiro con arco, coa presenza de instrutores especializados que darán a coñecer as técnicas elementais desta disciplina. Cada participante poderá comprobar o seu nivel de puntería co arco.

As actividades en Sar inclúen tamén a exposición do XII Concurso de Fotografía Deportiva. Ademais, a entrada á zona dos ximnasios será de balde durante todo o día. A maiores ofertarase ao longo do día unha actividade dirixida de bicicleta estática.

Santa Isabel
Nas piscinas de Santa Isabel clausurarase a campaña de natación escolar "Á auga patos", entre as 10:30 a 13:00 horas. Oportunidade para que os case 500 nenos e nenas participantes amosen as súas habilidades nunha xornada festiva.

Tamén nas piscinas, festival de waterpolo entre as 16:00 e as 19:00 horas. É unha actividade aberta á participación de nenos e nenas de idades entre os 7 e 14 anos, dividíndose en tres categorías. Formaranse equipos mixtos, con partidos ao ancho da piscina. O requisito imprescindible é saber nadar e asinar o mesmo día unha autorización do pai, nai ou titor do neno participante.

Homenaxe a Carlos Lamela
A xornada pecharase cun acto final, ás 19:30 horas, no que se entregarán os trofeos e agasallos. A convocatoria servirá tamén para facer unha homenaxe a Carlos J. Lamela, polo seu labor profesional durante os últimos 24 anos no Departamento de Deportes do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: