CONSORCIO

O Consorcio entrega as súas coleccións infantís e xuvenís para o proxecto Literapia

27/05/2008 Con motivo da posta en marcha do grupo Literapia, promovido pola Fundación La Rosaleda e patrocinado por Caixanova, o Consorcio de Santiago fixo entrega das súas coleccións infantil e xuvenil á Biblioteca do Hospital Clínico de La Rosaleda, así como á Escola Infantil "Camilo José Cela" do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Oito volumes forman ata o momento estas coleccións infantil e xuvenil e pasarán a estar dispoñibles nas bibliotecas dos centros hospitalarios para os doentes máis novos. Intégranse así en Literapia, un proxecto desenvolvido por médicos, filólogos, psicólogos, profesores e escritores que propón o uso da lectura e da escritura en doentes hospitalizados para axudar na curación das súas enfermidades.

Na súa intervención, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción por colaborar nunha iniciativa como Liperapia, "que contribúe a darlle continuidade á atención que, ademais da médica, recibe o paciente como persoa". Tamén expresou o seu agrado polas coleccións literarias editadas polo Consorcio, "que dotaron á nosa cidade dunha gran biblioteca de publicacións que difunden o patrimonio, a historia e o espírito da cidade". A esta felicitación uniuse o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Tamén satisfeito da colaboración se mostrou o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que cualificou Literapia como unha "iniciativa chea de intelixencia". Gayoso aproveitou a súa intervención para demandar do alcalde a celeridade das licenzas dos futuros auditorio e centro sociocultural Caixanova, que se comprometeu a ter listos en 16 meses dende o comezo das obras.

Pola súa parte, o coordinador do Grupo Literapia, Darío Villanueva, describiu este singular proxecto, que aposta pola "lectura orientada para axudar aos doentes no seu estado anímico e así mellorar os procedementos terapéuticos". Finalmente, o presidente da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fernández Albor, expresou o seu desexo de que "esta idea, nacida en Santiago, se faga universal".

Compartir: