URBANISMO

Emuvissa adxudica as obras do SUNP-11 do Castiñeiriño á UTE FCC-ALOASA

26/05/2008 Baixo a presidencia do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, celebrouse no Pazo de Raxoi o Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa), no que se acordou a ampliación do contrato das obras de urbanización do Polígono 1 do SUNP-2 de Cornes por importe de 124.143 euros.

Ademais, adxudicáronse as obras de rehabilitación do inmoble sito na Rúa do Medio nº 65, no ámbito do programa de Edificios Tutelados, á sociedade Kotlas, por un importe de 279.545,05 e un prazo de execución de 10 meses.

O Consello de Administración de EMUVISSA deu tamén o visto bo á adxudicación das obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño á UTE FCC-ALOASA, por 1.994.905,39 euros, cunha baixa do 25% sobre o orzamento de licitación. O prazo de execución destas obras é de nove meses.

Así mesmo, aprobáronse as bases de mutuo acordo para a expropiación do SUNP-5 e máis o convenio de cooperación entre Emuvissa e a Sociedade Cooperativa Galega "A Muíña", polo que esta construirá 99 vivendas nese ámbito.

Por último, acordouse que Emuvissa anticipará unha parte do custo da construción da prolongación da Avenida da Liberdade, a cal ten un orzamento de 436.312 euros, dos cales 193.443 son aportados pola contratista, COMSA, mentres que os 242.000 euros restantes serán anticipados a partes iguais por Santiago Sur SL e Emuvissa.

Compartir: