UMAD

A UMAD crea un espazo de encontro entre adultos e adolescentes para falar sobre o botellón

26/05/2008 A biblioteca do IES Xelmírez I acollerá mañá martes, 27 de maio, entre as 16:30 e as 18:00 horas, unha mesa redonda denominada "Diálogo a tres voces" sobre o tema do botellón, organizada pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) no marco das súas campañas de prevención do alcoholismo. Na mesma, os alumnos deste instituto expoñerán as suas conclusións e intercambiarán os seus pareceres con adultos coñecedores deste tema.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, moderará esta mesa redonda, que pecha o traballo iniciado coa mostra fotográfica Obxectivo: mocidade crítica, realizada por alumnos deste centro e promovida pola UMAD. Ademais dos alumnos, participarán o director do IES Xelmírez I, un profesor, a presidenta da Anpa do IES, un técnico de prevención de drogodependencias, un médico e un técnico de limpeza. A convocatoria esténdese a todos os pais e nais.
A elección do tema vén determinada polo interese e preocupación de toda a sociedade por este fenómeno de plena actualidade. Preténdese así crear un espacio de encontro entre adultos e adolescentes.

Completarase deste xeito a reflexión establecida grazas á mostra fotográfica, na que os alumnos do ciclo de laboratorio da imaxe do IES realizaron un traballo visual para expoñer o seu punto de vista respecto ao fenómeno do botellón. Logo, diferentes alumnos do centro visitaron a exposición xunto co profesorado, para lograr xerar na aula un debate sobre o tema do botellón. As conclusións daranse a coñecer agora nesta mesa de diálogo.

Compartir: