RELACIÓNS VECIÑAIS

O Concello pon en marcha por noveno ano as viaxes culturais por Galicia para os veciños

26/05/2008 A Xunta de Goberno aprobou un gasto de 17.995 euros para a realización do programa de viaxes culturais Coñecendo o país, a cargo da Concellaría de Relacións Veciñais. Esta iniciativa chega á súa novena edición.

As viaxes, que deben ser solicitadas polas asociacións veciñais, teñen un día de duración e celebraranse os sábados, domingos ou festivos. O orzamento aprobado servirá para financiar o 60% do custo de cada excursión.

Despois de ter recibido as propostas de viaxe, cada asociación veciñal escollera unha data para a excursión e notificaralla a Relacións Veciñais. Á vista das solicitudes, a Concellaría adxudicará as viaxes. A data límite de entrega da listaxe de viaxeiros será o xoves da semana en que se leve a cabo a excursión.

Vivir o mundo
Ao respecto doutra viaxe, tamén se deu conta na Xunta de Goberno da participación no programa Vivir o mundo 2008 organizado pola Deputación Provincial da Coruña. Esta actividade permitirá a 12 rapaces do municipio viaxar a Zaragoza entre o 15 e o 19 de xullo.

Prórroga de contratos
Por outra parte, a Xunta de Goberno acordou prorrogar o contrato de mantemento e reparación de vehículos municipais, subscrito coa empresa Brea Motor. O contrato amplíase un ano máis, a partir do 31 de maio, coa correspondente revisión do prezo de adxudicación conforme ao IPC. O prezo máximo do contrato vixente é de 114.000 euros ao ano.

Tamén se prorrogou coa empresa Arasti Barca e por un ano o contrato do servizo de coordinación e dinamización dos espazos de lectura e xogo, por medio de obradoiros e de aulas e espazos integrados na rede sociocultural municipal.

Compartir: