DEPORTES

Compostela vivirá o 31 de maio un novo Día do Deporte

26/05/2008 O Goberno local aprobou a celebración, un ano máis, do Día do Deporte, que este ano 2008 terá lugar o sábado 31 de maio. Esta actividade final pon fin aos diferentes programas e campañas deportivas desenvolvidas ao longo do curso 2007/2008.

Este Día do Deporte ten un orzamento de 16.523 euros e contará con diversas actividades no Multiusos Fontes do Sar e na piscina de Santa Isabel. Haberá baloncesto, fútbol sala, unha ximcana ciclista, tiro con arco, atletismo, loitas olímpicas, waterpolo e outras moitas actividades para todos os públicos.

Ademais desta actividade, o Goberno municipal aprobou o Día da Bicicleta, que se celebrará un día despois, o domingo 1 de xuño. Destinaranse 7.962 euros para esta actividade lúdica, grazas a cal os composteláns poderán percorrer en bicicleta boa parte da cidade. Os ciclistas sairán do Paxonal (fronte ao Hipercor) para chegar á Praza do Obradoiro.

Tamén en materia de Deportes, a Xunta de Goberno aprobou un gasto de 18.000 euros para gastos de mantemento de instalacións deportivas. Trátase de diversos arranxos, compras de materiais para o mantemento xeral, para os botiquíns, e de limpeza; e para o mantemento básico dos espazos verdes e axardinados das instalacións.

Compartir: