ALCALDÍA

O alcalde destaca a Santiago como modelo europeo na promoción de vivenda protexida

23/05/2008 Cumprido o primeiro ano da terceira lexislatura de mandato do actual Goberno municipal, o alcalde compostelán fixo balance deste período. Para Xosé A. Sánchez Bugallo, "estanse a cumprir os obxectivos plantexados" nos catro eixes prioritarios do Goberno: vivenda, emprego, benestar social e infraestruturas.

O alcalde amosouse especialmente satisfeito do primeiro eixo, en orde de prioridades, considerado neste mandato, a vivenda. Así, indicou que Santiago segue a ser "un modelo en Galicia, España e Europa na promoción de vivenda protexida, "como consecuencia dunha planificación e dun traballo rigoroso". "Non existe ningún concello en Galicia con este nivel de promoción de vivenda protexida", engadiu. Ademais, recordou que nos tres mandatos deste Goberno municipal entregáronse 7.000 vivendas protexidas.

Igualmente, Sánchez Bugallo amosouse satisfeito da marcha doutros temas, como a promoción turística ou as políticas sociais. Tamén dedicou unha especial atención á promoción industrial, cos tres novos parques empresariais que se comezarán a construír neste mesmo 2008 e cos outros tres nos que se está traballando. Rematados estes tres polígonos, Compostela contará cunha área industrial de catro millóns de metros cadrados.

Documentos relacionados



Compartir: