ALCALDÍA

A maior autoridade mundial na loita contra o cancro asinou no Libro de Honra do Concello

23/05/2008 Con motivo da súa presenza en Santiago para participar no programa ConCiencia, o Premio Nobel de Medicina en 1989, Harold Varmus, pasou por Raxoi, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao igual que o fixeran outros insignes participantes neste programa divulgativo, Varmus deixou a súa sinatura no Libro de Honra do Concello.

Varmus amosouse especialmente interesado por todo o relacionado co desenvolvemento da cidade e co seu modelo de crecemento. O alcalde explicoulle estas cuestións e outras relacionadas coa historia da cidade. O científico quixo tamén contemplar a praza do Obradoiro e a Catedral dende os balcóns de Raxoi, ante a mirada curiosa dalgúns turistas que o saudaban.

Despois da recepción, Varmus dirixiuse ao Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque de Vistalegre) para manter unha xuntanza con investigadores galegos. Con eles intercambiou pareceres en torno á investigación oncolóxica. Antes, o xoves 22, o científico pronunciara a conferencia "Por que é importante a ciencia?", no Centro sociocultural da Fundación Caixa Galicia.

O hoxe presidente do Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York –o centro máis importante do mundo na loita contra o cancro– foi o descubridor da orixe celular dos oncoxenes (xenes capaces de inducir transformación tumoral), demostrando que estes xa están nas células e non son introducidos por virus.

Compartir: