URBANISMO

A rúa das Rodas abrirase de novo en outubro

01/09/2005 O presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o xerente do Consorcio, Homero Pérez Quintana, visitaron o xoves 1 de setembro as obras de reurbanización da rúa de As Rodas e do parque de Belvís, a poucas semanas do seu remate.

Sánchez Bugallo amosouse "moi satisfeito" pola inminente finalización das obras na rúa das Rodas, que se volverá abrir ao tráfico o 1 de outubro, data na que se inaugurará oficialmente. A pesar de que se prevé rematar os "últimos detalles" o 9 de setembro, é preciso agardar uns días para que o formigón se asente, segundo explicaron durante a visita institucional ás devanditas obras.

Tanto o alcalde compostelán como o xerente do Consorcio, Homero Pérez Quintana, congratuláronse polos resultados dunha obra que por fin "se visualiza", pois era un proxecto que "hai un ano non se sabía ben como quedaría", pero que agora se ve como "claramente compensa e mellora o entorno". O alcalde agradeceu tamén a colaboración dos veciños durante o transcurso das obras.

Visita a Belvís
Bugallo e Pérez Quintana achegáronse tamén ao novo parque de Belvís, que pronto contará con máis de oito hectáreas con diferentes espazos para o disfrute dos veciños.

Estímase que as obras da primeira actuación estean finalizadas na primeira quincena de novembro, dacordo co Plan Director. Máis adiante, segundo comentou Sánchez Bugallo, é posible que se interveña na zona norte, ou que se expropien algúns dos xardíns privados, sobre todo se continúan no mesmo estado de abandono, explicou. Así mesmo, cabe a posibilidade de trasladar os angostos muros de San Francisco e da rúa do Olvido.

Compartir: