CULTURA

Teatro do Morcego representa "O clube da calceta" no Teatro Principal

22/05/2008 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou a obra O clube da calceta, que a compañía Teatro do Morcego porá en escena os días 23 e 24 de maio no Teatro Principal a partir das 21.00 horas. A peza é unha adaptación para o teatro da novela homónima de María Reimóndez.

O director de O clube da calceta, Celso Parada, salientou que, cando se decidiu a pór en escena a novela de María Reimóndez fíxoo "coa de terminación de respectar o espírito feminista da obra", materializado nunha linguaxe de rotundo enfrontamento ao machismo imperante na nosa sociedade.

O clube da calceta está protagonizada por seis mulleres moi distintas entre si que se atopan día a día nunha sala onde reciben clases de calceta. Cada unha delas áchase nun intre decisivo das súas vidas, a piques de rachar. O encontro das seis donas serve para que converxan as súas frustracións, mais tamén para a súa toma de conciencia da necesidade imperiosa de cambiar as súas vidas.

Laura Ponte, unha das actrices protagonistas, falou na presentación da obra da súa personaxe, Anxos, pertencente a "unha xeración revolucionaria, a dos setenta, que, logo de loitar contra o franquismo atopou acomodo. O home de Anxos decidiu deixar os manuais do Marxismo polos traxes de Adolfo Domínguez", o que provoca a frustración da muller. Segundo sinalou a actriz, as seis personaxes responden a outros tantos arquetipos de mulleres insatisfeitas na relación coas súas respectivas parellas e coa sociedade en xeral.

Unha historia actual
Laura Ponte lembrou que o machismo descrito na obra é "perfectamente extrapolable á sociedade contemporánea onde, sen ir máis lonxe, na profesión de actriz ser muller diminúe as posibilidades de traballo, e non digamos cando pasas dos corenta anos".

A compañía Teatro do Morcego é un espazo aberto para a creación teatral que ten convidado a importantes directores galegos e internacionais como Julio Cardoso, Bernardo Galli, Ever Blanchet ou Xoán Cejudo. Dende a súa fundación en 1989 levan realizado máis de vinte espectáculos acadando numerosos premios.

Compartir: