URBANISMO

O Concello asegurará o ritmo construtivo en 2009 coa adxudicación dunhas 500 vivendas protexidas máis por EMUVISSA

22/05/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou seis dos polígonos de vivenda que está a desenvolver a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA), e que supoñen un total de 1.755 vivendas, das que 1.353 son protexidas. Trátase dos polígonos SUP-2 (Cornes), SUP-7 (Pontepedriña II), SUNP-11 (O Castiñeiriño), SUNP-14 (Tras Paxonal) e SUNP-22 (Castro de Abaixo).

A visita comezou no SUP-7 de Pontepedriña, no que se construirán 646 vivendas, das que 602 serán protexidas. Segundo indicou o alcalde, neste solo xa está iniciado o proceso de edificación, para posteriormente rematar co de urbanización xa iniciado. Así, están en marcha unhas 500 vivendas.

Neste polígono, do total de vivendas, as que corresponde desenvolver a EMUVISSA, unhas 100, serán adxudicadas no último terzo do ano. O mesmo sucederá con outras 400 vivendas doutros solos promovidos pola empresa municipal, co obxectivo de que poidan comezarse en 2009 e así manter o ritmo construtivo, apuntou Sánchez Bugallo.

A seguinte parada foi no SUNP-14, en Tras Paxonal, un solo no que xa se solicitou a maior parte das licenzas para a construción das vivendas. Neste ámbito construiranse 383 vivendas, das que 305 son protexidas. Inclúense as vivendas unifamiliares destinadas aos realoxados. O alcalde destacou o feito de que neste solo, ao igual que no de Pontepedriña, se pechou o acordo de expropiación con todos os propietarios. E como dato anecdótico, subliñou que a terra vexetal extraída neste polígono será destinada ao futuro parque de Cornes.

Sobre outro dos polígonos, o SUNP-11 do Castiñeiriño, Bugallo anunciou que o Consello de Administración de EMUVISSA adxudicará o luns 26 as obras de urbanización. Nuns meses comezaranse a conceder as licenzas de edificación para que se poida empezar a construír rematada a primeira fase das obras de urbanización. Aquí levantaranse 196 vivendas, das que 158 serán protexidas.

O penúltimo solo visitado foi o SUP-2 de Cornes, onde se construirán 243 vivendas libres. Están case rematadas as obras de urbanización neste solo, igualmente promovido por EMUVISSA. Ao carón deste polígono situarase o futuro parque de Cornes, unha superficie duns 20.000 metros cadrados que aproveitará unha lagoa localizada no contorno. Así, as zonas deportivas previstas inicialmente para esta zona levantaranse en Santa Marta.

Finalmente, e xa cun alto grao de execución está o SUNP-22 de Castro de Abaixo, onde boa parte das vivendas xa se comezarán a entregar no último terzo de 2008. Quedan por construír os dous bloques reservados a EMUVISSA, que se empregarán para realoxar aos expropiados en San Ignacio de Loyola. Son en total 288 vivendas, todas protexidas.

En total, EMUVISSA desenvolveu ou está a desenvolver polígonos nos que se levantarán 4.712 vivendas protexidas. A este respecto, Sánchez Bugallo, recordou que "o peso da vivenda protexida neste Concello e con estes estándares de calidade non ten parangón neste país".

Compartir: