ALCALDÍA

Celebradas as Xuntas Xerais das empresas municipais EMUVISSA, TUSSA e INCOLSA

20/05/2008 No salón de plenos do Concello, tiveron lugar as tres Xuntas Xerais Ordinarias das Empresas Municipais EMUVISSA, TUSSA e INCOLSA, presididas polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Nas mesmas procedeuse á aprobación das contas anuais, dos informes de xestión e da distribución dos resultados relativos ao exercicio 2007, así como a redacción, lectura e aprobación das correspondentes actas.

Os directores xerentes das devanditas empresas municipais, José Manuel Rei Pichel por EMUVISSA, José Ramón Mosquera Ferreiro por TUSSA e Iñaki Gaztelumendi do Ejo por Incolsa, deron a coñecer os correspondentes informes en cada unha das tres sesións diferentes aos compoñentes dos Consellos de Administración en pleno, asistidos polo secretario e pola interventora municipais.

EMUVISSA

O informe de EMUVISSA foi aprobado cos votos a favor do Grupo de Goberno, integrado polo PSdeG-PSOE e BNG, e a abstención do PP.

No balance de situación a 31.12.2007, EMUVISSA presenta un activo por importe de 27.739.895,75 euros, fronte aos 7.131.271,91 euros do exercicio de 2006. Os pasivos deixan as mesmas cantidades.

No balance de perdas e ganancias, esta empresa municipal produciu uns beneficios de 158.665,28 euros.

O xerente manifestou que a execución do gasto superou o 38% e os ingresos mantiveron semellante porcentaxe.

Como remate do informe deuse coñecer o informe da Auditoría de Contas Anuais realizada á empresa, considerándoo satisfactorio de conformidade cos principios e normas contables xeralmente aceptados, que gardan uniformidade cos aplicados nos exercicios anteriores.

TUSSA

O informe de TUSSA foi aprobado por unanimidade. En canto á análise das contas, o volume de ingresos foi de 1.307.337,81 euros e o de gastos de 1.260.202,00 euros, resultando uns beneficios netos de 47.135,81 euros.

No informe queda pormenorizada a situación de cada centro de explotación do seguinte xeito:

No APARCADOIRO VIXIADO XOÁN XXIII o número de vehículos de rotación do ano 2007 foi de 128.352 fronte aos 118.738 do ano 2006, o que supuxo un incremento de 9.614 coches.

No APARCADOIRO MUNICIPAL DE BELVÍS o número de vehículos de rotación do ano 2007 foi de 53.187 fronte aos 53.255 de 2006, o que supuxo un descenso de 68 coches.

Na ESTACIÓN DE AUTOBUSES, en canto ás actuacións realizadas na instalación, hai que destacar as seguintes:

- Reforzo da sinalización, tanto no que se refire ao tráfico, como en sinais de evacuación.
- Reparación das varandas de protección do exterior da entrada principal.
- Reparación dos baños da entreplanta.

Respecto do TRANSPORTE URBANO o ano 2007 supuxo o asentamento definitivo da rede de transporte urbano, cos seus distintos operadores: Tralusa, Hermanos Ferrín, Transportes Mosquera e Aucasa. Así o demostra a cifra de viaxeiros transportados en 2007, que alcanzou os 7.721.901, 144.480 máis que en 2006, o que supón un incremento do 1,91%.

INCOLSA

O informe de INCOLSA foi aprobado por unanimidade. En relación á Conta de Perdas e Ganancias, cómpre destacar que o volume de actividade da empresa no ano 2007 ascendeu a 3.603.886,83 euros, o que significa un aumento do 27,7% en relación a o ano 2006.

Neste senso, debemos subliñar o aumento do 24,8 % dos ingresos da sociedade, que se elevan a 3.106.121,08 euros, e o incremento da cifra de negocios que se eleva un 53,3 %.

INCOLSA tivo un resultado positivo no 2007 de 2.234,25 euros. Desta forma, conseguiuse o obxectivo económico de incrementar o neto patrimonial da sociedade, e a partida de fondos propios da sociedade se eleva a 213.245,21 euros.

Compartir: