CIDADE HISTÓRICA

Rematados os traballos de consolidación de pavimento da rúa Bautizados

20/05/2008 A Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica impulsou as obras de consolidación do pavimento da rúa Bautizados que foron realizadas entre o 7 de abril e o 16 de maio. No total foron 25 xornadas de traballo, 5 menos das 30 previstas inicialmente. O proxecto contou cun orzamento total de 27.296 euros para cubrir os traballos necesarios de reposición e reparación do enlousado de pedra existente nesa rúa.

Os traballos proxectáronse, contratáronse e executáronse co criterio da conservación dos pavimentos tradicionais como parte que son do patrimonio histórico protexido da cidade. Mantivéronse, xa que logo, tanto os elementos materiais (recuperación e reutilización de todas as lousas posibles) como as técnicas construtivas (movemento, limpeza, colocación ou rexuntado das pedras) para garantir o máximo nivel de preservación.

En palabras de Soco García "as intervencións redúcironse ao mínimo imprescindible e optouse sempre que foi posible por recolocar as pedras xa existentes no canto de substituílas". A concelleira de Cidade Histórica lembrou tamén que "a pedra nova que se incorpora escóllese tamén co maior grao de semellanza posible en todas as súas características ás da zona onde se coloca" malia que "á vista, tardará un tempo en adquirir as tonalidades que proporciona o uso e a súa presenza á intemperie".

En resumo, foron 46 metros cadrados de novo rexuntado entre as pedras, nas zonas onde este rexuntado era defectuoso ou inexistente; outros 46 metros de lousas recolocadas onde existía un asentamento defectuoso ou lousas fundidas, recolocando un total de 118 lousas; e 35 metros cadrados de lousas novas nas áreas con lousas rotas ou inapropiadas, colocando un total de 55 novas lousas.

Próximas actuacións na Zona Vella
En breve, a estas obras realizadas pola Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica sumaranse as acometidas polo Consorcio de Santiago en seis rúas da améndoa. Todos estes traballos están enmarcados dentro do segundo nivel de intervencións urxentes nos pavimentos que pretenden paliar a grave situación en que se atopaban os lousados da Cidade Histórica.

As actuacións sistemáticas en rúas están acompañadas por intervencións puntuais e de urxencia que sobre as lousas máis deterioradas se veñen realizando dende o último trimestre do ano pasado nos pavimentos históricos. Ademais, nas próximas semanas está previsto aprobar o modelo de actuación para o sistema permanente de mantemento de pavimentos do ámbito do Plan Especial 1, que abranguerá xa non só os empedrados da améndoa, que se encomendarán ao Consorcio da Cidade, senón tamén os pavimentos do resto das zonas da Cidade Histórica.

Un dos obxectivos principais da Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica é conseguir a recuperación do pavimento da zona vella para, unha vez ter arranxado os problemas máis graves, poder instalar un sistema de mantemento do enlousado que preveña e evite o seu deterioro. Nesta liña de traballo é onde se encadran as obras de mantemento puntual ou de consolidación de rúas como o caso da rúa Bautizados.

Documentos relacionados



Compartir: