CULTURA

O II Ciclo Revelando Voces continúa con dous novos concertos nos CSC de Conxo e do Castiñeiriño

20/05/2008 O II Ciclo Revelando Voces continúa con dous novos concertos esta semana. O mércores 21, no CSC de Conxo, tempo para gozar coa música de Miguel Alonso, e o xoves 22, no CSC do Castiñeiriño, coa de O Leo i Arremecághona!!!.

Esta segunda edición do ciclo, que organiza a Concellaría de Cultura, péchase no mes de maio, pero ata daquela aínda quedan outros dous concertos, ademais dos citados. As actuacións fanse todas nos centros socioculturais da cidade, sempre ás 21:00 horas e de entrada libre.

Con esta iniciativa preténdese proporcionar un espazo aos novos cantautores para achegalos ao público e dalos a coñecer. Nesta segunda edición de Revelando Voces, son oito as agrupacións que están de xira por Compostela, cada unha con varios concertos programados.

O lugar elixido para esta particular posta de largo da música urbana galega son os centros socioculturais de Compostela, que se converten por segundo ano consecutivo no punto de reunión para todos aqueles que buscan coñecer qué se está a facer na nova escena musical de Galicia e cales son as apostas de futuro ás que haberá que prestar atención a curto prazo.

O mércores 28 de maio o ciclo traerá a música de Détour, no Centro Sociocultural d San Pedro. O grupo Ataque Escampe pechará o evento nesta segunda edición, o xoves 29 de maio, no Centro Sociocultural de Vite.

Compartir: