ALCALDÍA

O alcalde perfila en Madrid a participación de Santiago na Exposición Universal de Xangai

19/05/2008 O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo reuniuse en Madrid co presidente da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais (SEEI), Javier Conde, para falar da presenza de Santiago na Exposición Universal de Xangai 2010.

O encontro, ao que tamén asistiu o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, serviu como primeira toma de contacto para ver as "posibilidades de colaboración entre Santiago e a SEEI" ao que seguirá "unha reunión en xuño, desta vez en Santiago, con representantes das demais cidades que participan na Exposición", segundo explicou o alcalde.

Durante o encontro, o presidente da SEEI, entidade que prepara a construción do pavillón de España, felicitou ao alcalde pola solidez amosada na formulación da candidatura e ofreceuse a colaborar en todo o que sexa preciso.

O proxecto de Santiago, situado no ámbito da Área de Boas Prácticas Urbanas dentro do apartado "Protección e uso do patrimonio histórico", fai referencia ao deseño de cidade que se está a desenvolver desde os inicios da década dos anos noventa, así como á súa continuidade de cara ao futuro, o que se recolle na revisión do Plan Xeral.

A proposta inclúe, ademais do stand, a realización dun espazo público exterior que consiste nunha pequena praza de granito de gran valor simbólico que pretende ser unha evocación para a cooperación entre as cidades, e que foi moi valorada polo Comité Internacional de selección de Xangai. O pavillón compostelán instalarase nunha vella nave industrial rehabilitada.

A nosa cidade foi seleccionada entre 30 candidaturas de cidades de todo o mundo por un comité integrado por altos representantes do Goberno da República Popular China, a UNESCO e o Banco Mundial, entre outros organismos internacionais, e presidido pola Directora Executiva de UN-Habitat e o Secretario Xeral da BIE (Buró Internacional de Exposiciones).

A coincidencia da Exposición de Xangai 2010 coa celebración do Ano Santo no mesmo ano permitirá amplificar a proxección universal da Capital de Galicia neste foro que contará cunha asistencia estimada de 70 millóns de persoas.

Compartir: