EMPREGO

Visto boa ao proxecto Persoa IV e ao Plan de Acción Local polo Emprego

19/05/2008 O Ministerio de Administracións Públicas (MAP) aprobou a concesión dunha axuda do Fondo Social Europeo de 1.320.000 euros para o proxecto do Pacto Local polo Emprego de Santiago 2008-2011, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

O concelleiro Xosé Manuel Iglesias presentou este proxecto, que contempla dous eixes de actuación, un dos cales é o Persoa IV, que se desenvolverá a través de itinerarios integrados de inserción sociolaboral. Este programa experimental de emprego conta cun orzamento de 720.000 euros e ten unha duración de 24 meses. Está previsto que se comece a desenvolver no segundo semestre de 2008.

O outro eixo é o Plan de Acción Local polo Emprego PALE 2008-2009. Cun orzamento de 600.000 euros, o seu obxectivo é integrar as políticas de emprego que desenvolven no Concello de Santiago os distintos axentes económicos e sociais que o asinen. O PALE 2007-2008 é o instrumento a través do que se articulará o Pacto Local polo Emprego de Santiago.

Está previsto que no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago se forme a 330 persoas desempregadas, adecuándose, na medida do posible, ás seguintes porcentaxes: un 30% mozos, un 20% maiores de 45 anos, un 20% parados de longa duración, e o 30% restante resérvase para outras persoas desfavorecidas. 120 persoas formaríanse no marco do Persoa IV. As outras 210 a través das accións incluídas nos convenios que se asinarán con distintas entidades con presenza no ámbito do emprego no marco do Plan de Acción Local polo Emprego 2008-2009.

O Pacto Local polo Emprego de Santiago enmárcase dentro da realización de políticas activas de emprego que leva a cabo o Concello para combater o desemprego, mellorar a cualificación profesional e facer de Compostela unha cidade emprendedora. Continuando coa liña de actuación que ven desenvolvendo a Concellaría de Promoción Económica en materia de emprego, no resumo do proxecto enuméranse catro obxectivos:

• promover e desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral, utilizando un sistema de orientación profesional personalizado.
• incrementar o volume de servizos persoais a nenos, maiores, persoas discapacitadas, coidadores, e para mellorar a cualificación dos profesionais do sector dos servizos persoais en Santiago.
• favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade.
• acadar a concertación e diálogo entre actores locais e destinatarios finais.

O Pacto Local polo Emprego de Santiago estrutúranse en torno a catro piares fundamentais:

• A formación e cualificación profesional das persoas.
• A promoción do emprendemento.
• A inserción no mercado de traballo do maior número de persoas, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos.
• A información e orientación cara o avance da empregabilidade.

Persoa IV
O Proxecto Persoa IV amplía a súa oferta respecto do Persoa III de 105 a 120 usuarios, e incrementa o seu orzamento de 585.000 euros a 720.000. Se se contabiliza o orzamento de 1.320.000 euros que se destinarán ao Pacto Local polo Emprego de Santiago, este incremento de fondos duplícase. .

O Proxecto Persoa IV ten como obxectivo promover a integración laboral, por conta propia ou allea, de persoas desempregadas, a través da súa participación nun proceso integral de inserción en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego. Este itinerario, que contempla formación ocupacional, prácticas en empresas e apoio á colocación, está deseñado coa finalidade de incrementar o volume profesionais na prestación de servizos persoais a nenos, persoas maiores, discapacitados e coidadores. Tamén ten como obxectivo mellorar a cualificación dos profesionais do sector.

Plan de Acción Local polo Emprego
O Plan de Acción Local polo Emprego PALE 2008-2009 é o instrumento metodolóxico no que se recollen as actuacións do Pacto Local polo Emprego.

Está previsto que as accións deseñadas no Plan de Acción Local polo Emprego 2008-2009, e que hai que consensuar cos axentes económicos e sociais asinantes, cheguen a máis de 8.000 persoas a través de actividades formativas e/ou xornadas de difusión e informativas. Entre as accións que se desenvolverán en colaboración con entidades e organismos asinantes do Pacto Local polo Emprego de Santiago figuran:

Durante a vixencia do Pacto Local polo Emprego 2008-2011 desenvolveranse dous Plans de Acción Local polo Emprego. O que se presentou coa solicitude aprobada polo Ministerio de Administracións Públicas é o pertencente aos anos 2008 e 2009. O outro recollerá as actuacións a desenvolver no bienio 2010-2011.

Compartir: