XUNTA DE GOBERNO

A rede Wimax no casco histórico estará lista antes do remate de 2008

19/05/2008 A Xunta de Goberno deu conta da resolución da Secretaría de Estado de Telecomunicacións de modificación de execución do proxecto da rede Wimax para o casco histórico. Este cambio consiste na redistribución do orzamento entre partidas.

Dada conta desta modificación, a orde do día da Xunta de Goberno do luns 26 incluirá o prego de condicións técnicas e administrativas deste proxecto. Despois do período de exposición publica de tres meses, poderá adxudicarse definitivamente, cun prazo de execución máximo de 3 meses. Deste xeito, segundo indicou o voceiro da Xunta de Goberno, Néstor Rego, a rede Wimax podería estar en funcionamento antes do remate de 2008.

O orzamento deste proxecto é de 550.000 euros, achegados a partes iguais entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Consorcio de Santiago. A rede Wimax permitirá incorporar o Casco Histórico ás novas tecnoloxías de información e da comunicación, poñéndoo ao mesmo nivel que outras zonas da cidade neste ámbito.

Obras na rúa dos Caraveis
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación das obras de substitución da rúa dos Caraveis, por importe de 59.699 euros e un prazo de execución de tres meses. Estas obras están incluídas no Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación Provincial da Coruña.

Axudas para rehabilitación
Ademais, o Goberno local tamén deu o visto bo definitivo á concesión dunha axuda de 19.881 euros para a rehabilitación dun inmoble na praza de San Pedro. Neste ámbito, pero para a recuperación de elementos especiais de madeira, acordouse remitir ao Consorcio a proposta de dúas axudas para dous inmobles en Corredoira das Fraguas e Rosalía de Castro, por importes de 3.415 e 4.233 euros, respectivamente.

Compartir: