CULTURA

Mayumana trae o seu novo espectáculo a Santiago

15/05/2008 Mayumana ofrecerá un espectáculo no Multiusos Fontes do Sar o 13 de xuño. A agrupación israelí, que presentará o seu novo espectáculo Be!, é a compañía de danza que máis entradas ten vendido en España, con máis dun millón.

A de Santiago será a única cita en Galicia en 2008 desta compañía. Ata o Multiusos achegará o seu espectáculo Be!, un show para todos os públicos no que os compoñentes do grupo conseguen facer música cos obxectos máis disparatados, como colectores de lixo, potas, aletas de mergullo ou vasoiras, nunha apoteose da percusión. Así conseguen extraer sons que espertan no espectador unha mestura de sentimentos, achegando humor, fantasía, técnica e sobre todo…ritmo.

Os autores deste espectáculo, creado pola bailarina Eylon Nuphar e o percusionista Baz Berman, dominan todos os xéneros: cantan, bailan, tocan, interpretan, fan acrobacias..., non en van a palabra mayumana significa en hebreo habilidade.

Para este concerto habilitaranse 4.500 localidades. As entradas, xa á venda a través de Caixa Galicia, terán prezos de 20, 24 e 28 euros.

Na presentación do espectáculo estiveron presentes Néstor Rego, concelleiro de Cultura, Andrés Fariña, concelleiro de Deportes e vicepresidente de Xade, Marcial Rodríguez, técnico do Xacobeo, e Ana Salgado en representación da Fundación Caixa Galicia.

Compartir: