URBANISMO

A concelleira de Urbanismo destaca o nivel de concreción e detalle do documento final do PXOM

15/05/2008 O Pleno municipal aprobou, cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención do PP, o documento coas propostas de cumprimentación da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 3 de outubro de 2007 sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Pouco despois, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, valorou este documento, do que destacou o seu nivel de concreción e detalle.

Rosón explicou os principais puntos do documento, que recolle as aclaracións e requirimentos formulados no seu día pola Consellería de Política Territorial na parte do PXOM non aprobada en outubro de 2007. Acompañada da directora da Área de Urbanismo, Berta Rosón, a concelleira explicou que unha parte do traballo consistiu en "xustificar e cumprimentar requisitos sobre o aprobado inicialmente". Tal é o caso dalgúns solos urbanos, nos que se documentou a existencia de servizos ou de construcións, ou doutros urbanizables, nos que se aclarou a súa no utilidade forestal ou agropecuaria. Trátase neste caso de solos que "non teñen valores que xustifiquen non incorporalos ao proceso de urbanización", afirmou.

Outro aspecto salientable do documento é a creación dunha nova ordenanza, denominada 6B, para facilitar a consolidación da delimitación de certos solos. Aplicarase a parcelas mínimas de 1.200 metros cadrados e afectará á construción de vivenda unifamiliar extensiva.

Noutros puntos, apuntou Rosón, fixéronse modificacións ou axustes, como no caso dalgúns núcleos rurais e extensións de núcleo. Tamén se clasificaron como solo rústico determinadas servidumes de infraestruturas estatais ou autonómicas consideradas de interese para a cidade. Neste proceso, resultan especialmente afectados os solos urbanizables non delimitados 16 e 17, en Outeiro e As Condomiñas-Lamas de Abade, co que deixarán de realizarse en torno a 500 vivendas nestes dous ámbitos.

A concelleira tamén se referiu ao caso do solo onde se construirá a estación intermodal do AVE, que quedou finalmente coa clasificación que tiña anteriormente, ante a falta de acordo con ADIF sobre o aproveitamento urbanístico. Unha vez se chegue a un acordo, tramitarase a modificación do PXOM neste ámbito.

Finalmente e pendentes da aprobación definitiva desta parte do Plan, Mercedes Rosón lembrou que "Santiago é a única cidade de Galicia que ten o PXOM en vigor nunha porcentaxe altísima e en execución". Ademais, tivo palabras de agradecemento para os técnicos redactores do Plan e para o Departamento de Urbanismo.

Aprobado polo Pleno, o documento estará listo para ser remitido á Consellería de Política Territorial en breves días. Logo, o departamento autonómico disporá de tres meses de prazo máximo para emitir o seu dictame definitivo.

Compartir: