CULTURA E CIDADE HISTÓRICA

"Esperando as Letras 2008" leva a literatura galega ás rúas da cidade histórica

13/05/2008 Do 12 ao 17 de maio, a literatura trasládase ás rúas da cidade histórica grazas ás diversas actividades previstas no programa Esperando as Letras 2008. Nunha semana eminentemente relacionada coa literatura e coa lingua galega, os libros sairán ao exterior das librarías e as letras chegarán a todos os públicos.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Socorro García Conde, presentaron o programa de actividades, das que boa parte delas se desenvolverán nunha carpa na praza de Cervantes. Alí, dende o 12 ao 16 de maio, haberá manualidades, sesións de contacontos, charlas, obradoiros de papiroflexia, encontros con nenos, presentacións de libros ou recitais poéticos.

Ademais, recollendo a iniciativa dalgunhas librerías de sacar os libros á rúa con motivo do Día das Letras Galegas, tanto o venres 16 coma o sábado 17, haberá exposición e venda de libros galegos nas rúas e prazas da cidade durante todo o día.

Segundo afirmou Rego, "o proxecto nace coa intención de lle ofrecer cobertura pública ás actividades literarias que adoitan rodear o 17 de maio". Dese xeito "ofertouse ás librarías a posibilidade de habilitar carpas durante varios días nas prazas de Cervantes e do Toural, onde desenvolver as súas actividades no mellor marco posible". Pola súa banda, Socorro García cualificou a iniciativa como "un mecanismo de dinamización do espazo público e da lingua galega, froito do traballo conxunto entre entidades públicas e privadas".

Compartir: