EDUCACIÓN

Quince alumnos de Ávila visitan Compostela no marco do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

13/05/2008 Un grupo de quince alumnos de 3º de ESO do Colexio Medalla Milagrosa de Ávila están a realizar unha visita didáctica a Santiago no marco do programa "Coñecer as cidades patrimonio". Estarán na cidade entre o 12 e o 14 de maio.

Na súa estanza en Santiago participan nun amplo programa de actividades preparado pola Concellería de Educación. Inclúe un percorrido didáctico polo casco histórico e varias visitas: Galicia Dixital, Cidade da Cultura, Museo da Catedral, Centro Galego de Arte Contemporánea e Museo do Pobo Galego.

Os alumnos, acompañados das súas mestras, tamén pasaron polo Concello, onde puideron coñecer as súas principais estanzas. Alí tamén foron recibidos polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, co que compartiron unha animada charla sobre historia en torno a Ávila e Santiago. Tamén participou a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez.

Entre outras cuestións, o alcalde explicoulles aos rapaces o destino das pedras da case desaparecida muralla de Santiago: para empedrar as rúas da cidade e para subastas cuxa recadación servía pagar as festas do Apóstolo. As súas murallas seguen a ser pola contra a máis coñecida referencia patrimonial de Ávila.

Despois da estanza en Santiago dos escolares de Ávila, serán outros quince alumnos de 2º de ESO do IES Rosalía de Castro os que estarán na cidade castelá dende o 20 ao 22 de maio, para participar tamén en diversas actividades culturais. A continuación, uns e outros viaxarán a Cuenca, do 22 ao 25 de maio, para o encontro final da sétima edición do programa didáctico "Coñecer as Cidades Patrimonio".

Neste programa participan as 13 cidades españolas que forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Avila, Cuenca, Ibiza, San Cristóbal de la Laguna, Córdoba, Tarragona, Toledo, Mérida, Salamanca, Alcalá de Henares, Cáceres, Segovia e Santiago de Compostela.

Compartir: