XUNTA DE GOBERNO

Máis obras de mellora na Alameda

12/05/2008 O Goberno local aprobou a licenza que permitirá ao Consorcio de Santiago executar novas obras na Alameda. Entre as actuacións previstas está a restauración e mellora da eficacia das farolas existentes nos paseos principias do parque, a substitución das farolas existentes no Paseo dos Leóns ou o traslado das dúas farolas con base de pedra labrada dende a zona próxima do xardín ata outra localización da zona.

As obras tamén contemplan a colocación de dous mástile de soporte para bandeirolas informativas e a eliminación de dous tramos do circuíto peonil existente, que comunican os espazos cadrado e circular existentes ca beirarrúa, a través de sendas escaleiras de pedra. Procederase á instalación dun banco perimetral curvo no espazo circular existente na zona de acceso dende Porta Faxeira.

Outra actuación prevista é a instalación e mellora das barandas de seguridade laterais e da iluminación na escaleira de acceso dende o calexón existente ao final da avenida das Casas de Compostela. Igualmente, faranse reparacións na zona da escaleira de baixada ao Campus Universitario dende o paseo lateral que comunica o edificio da gardería coa repisa inferior do parque xunto ao Campus.

Finalmente, restaurarase unha das columnas da pérgola-mirador sobre o Campus e instalarase unha malla metálica para permitir o crecemento vexetal cenital na zona, e dúas luminarias colgadas.

Compartir: