ALCALDÍA

As obras de Frei Rosendo Salvado rematarán antes do previsto.

25/08/2005 As obras de reurbanización de Frei Rosendo Salvado estarán rematadas antes do previsto, tratando de causar as mínimas molestias aos veciños e comerciantes da zona.

O primeiro día de traballo do Alcalde, tra-las súas vacacións, estivo marcado pola visita ás obras que o Concello está realizando na rúa Frei Rosendo Salvado, no tramo comprendido entre as rúas Ramón Cabanillas e Santiago de Chile.

No transcurso da mesma o concelleiro de Infraestructuras, Bernardino Rama, manifestou a súa confianza en que estas obras poidan ser rematadas antes do inicialmente previsto, nun prazo de tres meses no lugar de catro.

Bugallo anunciou que ao longo do mes de setembro comezará a reurbanización do segundo dos tramos deste rúa, o comprendido entre Santiago de Chile e Romero Donallo.

A reurbanización desta rúa supón un investimento de 646.768 euros que se empregará nunha profunda remodelación da mesma que transformará a súa imaxe unha vez redimensionadas as beirarúas e viais, privilexiando, como no resto do Ensanche, o seu uso peonil, e na mellora do mobiliario urbano.

Unha vez rematadas as obras, Frei Rosendo Salvado contará no primeiro tramo cun carril de circulación de 3,5 metros de ancho. No segundo tramo haberá dous carrís, cada un cun ancho de 3,25 metros, ambos nun único sentido de circulación. Instalaranse farolas dobres de halóxenos metálicos, papeleiras de aceiro galvanizado, contenedores suterrados e finalmente plantaranse árbores tanto de folla perenne como caduca. A imaxe final será semellante á das rúas Fernando III O Santo e Ramón Cabanillas.

O Alcalde engadeu que a finais de setembro comezará comezará a reforma das rúas Diego de Muros e Rodríguez Carracido e que a finais de ano procederase á remodelación de San Pedro de Mezonzo e da República do Salvador. Para o 2006, esta prevista a execución da terceira fase deste plan urbanístico que afectará a Montero Ríos, Doutor Teixeiro e a Rúa Nova de Abaixo.

Compartir: