TRANSPORTES

Santiago participa na constitución da Comisión da Bicicleta Pública de España

08/05/2008 O concelleiro de Transportes e Mercados, Carlos Nieves, interviu no 15º Congreso do transporte urbano e metropolitano, que se está a celebrar en León. Os participantes do evento están a tratar e debater eixes temáticos como "O cliente e a calidade, "A empresa e a calidade" ou "O papel das administracións no transporte urbano".

Neste congreso, o concelleiro presentou as 3ª Xornadas do transporte metropolitano, que terán lugar en Santiago de Compostela os días 12 e 13 de xuño e onde se abordará a figura do Consorcio de Transporte.

Así mesmo, Nieves vén de participar na constitución da Comisión da Bicicleta Pública de España, que tivo lugar o mércores 7 na sede da Empresa Municipal de Transportes de Madrid. O concelleiro aproveitou o encontro para formular os obxectivos deste sistema individualizado de transporte en Santiago, compartindo experiencias con outras cidades españolas como Madrid, Barcelona, Sevilla e Vitoria, entre outras.

O concelleiro de Transportes reclamou un papel protagonista da nosa cidade nesta comisión, e formulou a posibilidade da creación doutras figuras organizativas, tales coma un club de cidades con bicicletas, un modelo que xa existe en Francia, ou unha rede de cidades con bicicleta pública.

Compartir: