CULTURA

O foro Escritores en Compostela trae á cidade a algúns dos máis recoñecidos autores internacionais

08/05/2008 A cidade verá pasar durante o 2008 ata catro recoñecidos autores literarios internacionais, grazas ao foro Escritores en Compostela, promovido pola Concellería de Cultura e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Dous xa confirmados son o escritor belga Philippe Toussaint e a escritora cubana Nancy Morejón.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias asinaron o convenio polo que se pon en marcha Escritores en Compostela. Este foro fará da cidade "un espazo nuclear ao redor do que converxeren sucesivos encontros entre os escritores e escritoras galegos con outros do ámbito internacional". O orzamento deste ciclo é de 9.000 euros.

Segundo Rego, este foro "asenta a Compostela como escenario privilexiado de encontro coa literatura". Así, Escritores en Compostela únese a outras propostas literarias postas en marcha anteriormente, como Poeta en Compostela, a edición de postais literarias entre os visitantes ou premios como os San Clemente ou o Casino de Santiago.

Compartir: