ALCALDÍA

Sánchez Bugallo apela á posta en valor do concepto de terceira idade e á súa participación activa na sociedade

07/05/2008 O Palacio de Congresos e Exposicións acolle entre o mércores 7 e o xoves 8 de maio o X Congreso Nacional e XXI de Galicia de Aulas de Terceira idade, organizados respectivamente pola Confederación Española de Aulas da Terceira Idade e pola Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o evento e lembrou na súa intervención o labor realizado por estas Aulas da Terceira Idade nos seus 30 anos de historia en Galicia. Precisamente, para celebrar este aniversario, abriuse unha exposición.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo referiuse á necesidade de afrontar "o reto do momento de transformación social que estamos vivindo: a esperanza de vida aumentou moitísimo e hoxe é normal que persoas con 70, 80 ou 90 anos en perfectas condicións físicas e mentais queiran seguir participando activamente na sociedade". Indicou que o Concello colabora dende hai tempo coas Aulas, que "nos indican o camiño e traballan na dirección correcta e coa sensibilidade e concienciación precisa". Finalmente apelou á posta en valor do concepto de terceira idade, colectivo no que se sitúa o 22% da poboación galega.

O Congreso inclúe tamén unha conferencia a cargo do presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía, Miguel Ángel Vázquez Vázquez, baixo o título "A formación, a información e a participación nas persoas maiores: novos retos". Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre a orixe e futuro das Aulas de Terceira Idade en España. Un espectáculo teatral e musical, a lectura dun manifesto e unha peregrinación dende o Monte do Gozo ata o obradoiro completan o programa do Congreso.

Compartir: