CULTURA

Bengala Producións converte unha ópera de Stravinsky nunha enxeñosa obra de teatro para rapaces

07/05/2008 Historia do soldado, de Igor Stravinsky, con texto de Charles-Ferdinand Ramuz, é o segundo espectáculo de Bengala Producións dentro do proxecto Ópera en Familia, iniciado en 2006 coa ópera Bastián e Bastiana. Agora chega ao Teatro Principal, con dúas representacións: os venres 9 ás 20:00 e o sábado 10 ás 18:30 horas.

Con esta obra, Bengala Producións transforma unha ópera nunha amena obra de teatro para nenos e nenas, coa intención de que acudan acompañados dos seus pais. A intención é achegar aos máis novos á música clásica, en especial á ópera e ao teatro, utilizando un mundo de imaxes facilmente recoñecibles.

Stravinsky compuxo esta partitura, en 1918, coa clara intención de darlle outra visión á concepción clásica da ópera. De feito, os diálogos non son cantados, entendidos estes como melodías, senón que son pronunciados en sentido rítmico musical.

A acción desenvólvese na pista dun circo, onde o elemento principal, o quiosco da música, semellando un tambor, é a motivación do percorrido que o soldado debe facer para tentar chegar á súa casa cando volve da guerra. Os personaxes semellan o clown, que será o narrador; o pallaso; o dono do circo; o cíngaro que toca o violín, disfraces que utilizará o diaño para enganar ao soldado e á princesa na súa caixiña de música.

A escenografía remite a elementos e referentes que os nenos, e tamén os adultos, recoñecen inmediatamente por seren espazos a onde se acode con intención de diversión e felicidade. O vestiario está composto por traxes coloristas e rechamantes que lembran as figuras principais da festa do circo.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou esta dobre representación, acompañado polo director de escena, Xosé Manuel Rabón; polo director da orquestra; Joam Trilho, director da orquestra; e polo actor Lino Braxe.

Compartir: