ALCALDÍA

O alcalde viaxa a Italia para acudir á cerimonia de irmandamento con Assisi

07/05/2008 O acto de irmandamento será ratificado na nosa cidade por unha delegación de Assisi que viaxará a Compostela coincidindo coas festas do Apóstolo.

Tras a sinatura do texto preliminar e a posterior aprobación no Pleno Municipal en outubro do ano pasado, unha delegación municipal, encabezada polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxará a Assisi para formalizar mañá xoves 8 de maio, o irmandamento entre ambas poboacións. A delegación que acompañará ao alcalde está composta pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; a portavoz do grupo socialista, Marta Álvarez-Santullano; Elvira Cienfuegos en representación do grupo nacionalista e Jesús Gamallo polo grupo popular.

A cerimonia da sinatura do irmandamento terá lugar ás 12 do mediodía (mesma hora en Italia) na Sala della Conciliazione do Palazzo Municipale de Assisi. Trala firma está previsto unha homenaxe musical a cargo do Coro Cantori de Assisi e dunha representación da Asociación do Traxe Galego que viaxará coa delegación santiaguesa. Pola tarde, na Piazza del Comune, terá lugar un xesto de Amizade entre fas dúas vilas que consistirá nun intercambio de bandeiras.

O irmandamento permitirá, segundo a proposta realizada polo alcalde, "un maior coñecemento desa cidade afín a nós e coa que compartimos o feito de ser lugares simbólicos tanto no eido cultural como espiritual, e á que nos une tamén a declaración de Patrimonio da Humanidade que ambas vilas ostentamos, que nos leva a manter políticas moi similares con respecto á rehabilitación. De feito, o planeamento regulador do casco histórico de Assisi garda moitas similitudes co de Santiago".

Ademais, Santiago e Assisi son dous importantes centros de peregrinación moi vinculados á figura do Apóstolo e á orde franciscana, tal como indican os conventos de San Francisco e Santa Clara (orde franciscana de monxas fundada por unha discípula de San Francisco) na nosa cidade. O mesmo San Francisco peregrinou a Santiago comezando así un lazo que se quere volver a propoñer a través da unión do Camiño de Santiago co Cammino di San Francesco, creando unha ruta que unirá en ambos sentidos as dúas cidades.

Este vencellamento pretende ser "un paso máis no proceso de manter a presenza e promoción de Santiago no mundo", e servir para "impulsar o coñecemento de Compostela nunha cidade de ampla acollida de peregrinos". Desde esa perspectiva, as dúas cidades se comprometen a activar programas de mutua posta en valor e a desenvolver accións que podan beneficiar a ámbalas dúas poboacións nos eidos cultural, económico e turístico, tanto a nivel nacional como internacional.

Compartir: