MULLER

Formalizada a cesión á Xunta do inmoble de San Lourenzo onde se implantará o Centro de Recuperación Integral para Mulleres

05/05/2008 A Xunta de Goberno acordou a concesión gratuíta á Xunta do inmoble municipal situado na carballeira de San Lourenzo para a implantación nel dun Centro autonómico de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero. A concesión é por quince anos, prorrogables por dous períodos consecutivos de cinco anos.

O inmoble cedido é o que viña albergando a Casa de Acollida municipal para mulleres vítimas de malos tratos e o que aloxa a Asociación de Veciños de San Lourenzo. Dende o Concello considerouse que o novo centro autonómico non só responderá ás necesidades que viña facendo fronte a Casa de Acollida, senón que repercutirá na mellora dos servizos de atención á muller. Así, ofrecerá un tratamento global, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

No tempo en que dure o proceso para ter listo o novo Centro, habilitarase un piso de titularidade municipal para servir de Casa de Acollida. Este servizo farase efectivo grazas a un convenio entre o Concello e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Compartir: