ALCALDÍA

Qu Fu quere crear en Santiago un instituto para o ensinanza do chinés

05/05/2008 Unha delegación da cidade chinesa de Qu Fu foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na reunión, o rexedor da cidade asiática, Liu Sen, propuxo a creación en Santiago dun Instituto Confucio, para impulsar a ensinanza do chinés e o fomento da cultura deste país.

Sánchez Bugallo acolleu con agrado esta proposta, para a cal se solicitará tamén a colaboración da Universidade e doutras institucións. A xuízo da delegación chinesa, a especial relación entre Santiago e Qu Fu fan da nosa cidade o lugar ideal para a nova sede deste Instituto, que tamén fomenta as relacións de intercambio entre España e China e favorece a mobilidade académica entre estudantes.

Para Liu Sen, "Santiago e Qu Fu teñen puntos culturais e patrimoniais en común" e a vontade de "buscar novas formas de cooperación para o futuro" en cuestións como a protección, a rehabilitación e o planeamento urbano". Pola súa parte, o alcalde compostelán confirmou ese "desexo de seguir a traballar xuntos" e a seguir intensificando as relacións con China. Nese sentido, referiuse á participación de Santiago na Exposición Universal de Shanghai 2010, en cuxa elección, dixo, "axudounos a longa amizada con Qu Fu".

Na recepción, a delegación chinesa tamén puido establecer os primeiros contactos con algúns representantes económicos, sociais e institucionais da cidade, que acudiron a Raxoi e que foron convidados a visitar Qu Fu.

Santiago mantén dende hai anos relacións de cooperación coa cidade de Qu Fu, materializadas na participación de Santiago, xunto coa cidade francesa de Rennes, no programa Asia Urbs de rehabilitación de Qu Fu. No marco dese programa, en outubro de 2007 finalizouse a recuperación dun edificio da dinastía Ming.

Compartir: