ALCALDÍA

O alcalde expresa a necesidade dun acordo orzamentario "que non hipoteque o futuro das contas do Concello"

02/05/2008 Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde compostelán analizou as negociacións para pechar o acordo dos orzamentos de 2008. Segundo Xosé A. Sánchez Bugallo, as contas "deben axustarse con prudencia aos escenario económico no que estamos".

A cifra final dos orzamentos será "esencialmente a mesma" dos de 2007. Indicou que "esta é unha negociación complexa" e na que se traballa "con escaso marxe", pero manifestou a necesidade de buscar "un acordo que non hipoteque o futuro das contas do Concello". Neste sentido, recordou "o esforzo nestes últimos nove anos para pagar a débeda".

Aínda que o Concello afronta o 2008 e o 2009 nunha "situación de saneamento importante", para Sánchez Bugallo "sería irresponsable ignorar os datos que temos e en función dos cales debemos actuar". En calquera caso, apuntou que "a realidade é mellor que a que eu pensaba", debido a aspectos como a solicitude masiva de licenzas pola entrada en vigor das Normas do Hábitat. Pero tamén a este respecto, indicou que, fronte ás 2.000 solicitudes de licenza do primeiro cuatrimestre do ano, "o ano que vén apostaría por que non se chegará ás 1.000 e de chegar ás 800 consideraríao un excelente resultado".

Compartir: