DEPORTES

O sueco Jonas Ljungblad gaña a primeira etapa da Vota Ciclista da Ascensión

01/05/2008 O corredor sueco Jonas Ljungblad, do P3 Transfer Batavus, lidera a Volta Ciclista da Ascensión 2008 "Gran Premio Xacobeo" tras o seu triunfo na primeira etapa da proba, que foi moi disputada desde o quilómetro cero e na que os 140 corredores ofreceron unha competición de gran calidade.

A entrega de premios contou coa presenza do concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña; do concelleiro de Deportes de Ames, Francisco Villaverde; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; de Marcial Rodríguez, da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo; de José Brea, de Skoda Brea Automoción; e de Juan Fernández, de Muebles Compostela.

Nunha competida xornanada, Ljungblad impúxose a Benny Schrooder e a Daniel Fleeman, ambos do do Sean Kelly Team, que lograron a segunda e a terceira posición, respectivamente. Á marxe dos tres primeiros clasificados na primeira etapa e, polo tanto, da clasificación xeral; o gañador da etapa e líder da Volta tamén encabeza a clasificación da Regularidade (maillot vermello patrocinado polo Concello de Santiago). Lidera o Premio de Montaña Bruno Pinto, do Barbot-Siper, mentres que a clasificación das Metas Voantes está encabezada por Benny Schrooder. Jesús González, do Cidade de Lugo, é o primeiro na clasificación xeral dos corredores galegos. Por último, o Sean Kelly Team é o líder na clasificación por equipos.

A segunda etapa, o venres 2, terá saída lanzada á altura da ponte de San Lázaro. Os participantes terán que completar 180,4 quilómetros e pasarán por dúas metas voantes situadas en Arzúa e Bandeira; e polos altos de Cumeiro, Xindiriz, Vinseiro, San Xurxo de Vea, Lampai e Montouto; todos eles puntuables para o Premio de Montaña.

Compartir: