DEPORTES

Nova edición do Concurso de Fotografía Deportiva

30/04/2008 Ata o 28 de maio poderán presentarse as candidaturas ao XII Concurso de Fotografía Deportiva, convocado pola Concellería de Deportes. A Xunta de Goberno aprobou as bases e un orzamento de 4.000 euros para este certame.

Os temas sobre os que deben tratar as fotografías serán deportivos e relacionados con calquera faceta ou práctica deportiva, non necesariamente competitiva. Quedan excluídas aquelas de carácter lúdico ou recreativo que, a xuízo do xurado, non encaixen na cualificación de "deportivo".

Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías. Deberán entregalas nas oficinas da Concellería de Deportes no Estadio Municipal de San Lázaro antes das 14:00 horas do 28 de maio. Tamén se poderán enviar por correo certificado ou mensaxería ás devanditas oficinas.

O xurado reunirase o 29 de maio. Outorgará un primeiro premio de 1.000 euros ao gañador, un de 700 euros para o segundo e outro de 400 euros para o terceiro clasificado. Opcionalmente poderanse outorgar dous accésits.

Torneo de esgrima
As bases do Concurso foron explicadas polo concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, nun acto no que tamén presentou o II Torneo Xacobeo - Compostela Esgrima - Ranking Galego de Espada 2008. Esta competición, de carácter autonómico e de categoría absoluta, está aberta á participación de calquera esgrimista nacional ou internacional con licenza federativa en vigor.

A proba desenvolverase no pavillón do Restollal. A competición feminina comezará ás 10:30 horas e a masculina ás 14:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: