ALCALDÍA

Santiago acolle unha reunión da Comisión de Cultura da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

28/04/2008 Na xornada previa á celebración do Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), representantes das cidades de Avilés, Vigo, Limoges, Nantes, Bordeaux, Gijón, Rennes, Lorient, Porto e Santiago reuniranse na Sala Circular do Auditorio de Galicia para decidir as temáticas que formarán parte dunha exposición itinerante que a CCAA vai organizar en colaboración co Museo de Europa.

A exposición terá como obxectivo amosar a importancia das Cidades Atlánticas para Europa e a súa achega á cultura europea. As sociedades do Arco atlántico comparten o feito de ter atravesado os océanos para descubrir outros mundos. Así, contribuíron en grande medida á apertura de Europa ao mundo, a crear un imaxinario europeo e, a través dun pasado non sempre glorioso, a dar forma ás ideas en Occidente.

A mostra intentará demostrar que as Cidades do Arco atlántico contribuíron a forxar un carácter da cultura europea que é o da curiosidade polo descoñecido e desexo de descubrir ao outro.

Na reunión do martes 29 constituirase un comité científico composto por expertos en Historia e conservadores de museos das cidades participantes, como primeiro paso para elaborar un estudio de viabilidade técnica e financeira do proxecto desta exposición, que podería empezar a percorrer as cidades no 2009. Santiago estará representada neste comité pola doutora en Historia de América da Universidade de Santiago, Pilar Cagiao.

Tamén se abordará a posibilidade de ampliar o partenariado da exposición cara o Reino Unido, Irlanda e o sur de España (Sevilla e Cádiz) pola grande importancia que tiveron na etapa dos descubrimentos e a calidade do patrimonio que poderían aportar á exposición.

Santiago aportará a esta exposición obxectos procedentes dos diferentes museos da cidade. Non serán necesariamente obxectos de gran valor, pero si deben ter un gran contido simbólico. O percorrido histórico da exposición abarcará desde os séculos XV-XVI, a era dos descubrimentos e da creación dos primeiros imperios portugués e español, ata o século XX afondando en temas coma os movementos migratorios provocados polo franquismo e con posterioridade o regreso dos ‘indianos’ procedentes da emigración.

Compartir: