FEIRA

O mellor do pequeno comercio no Compostela Outlet

26/04/2008 O recinto feiral de Amio acolle dos días 26 e 27 de abril "Compostela Outlet 2008". II Feira do comercio polo miudo que se celebrará o 26 e 27 de abril. Nesta segunda feira de saldos de Santiago participarán 107 establecementos comerciais pertencentes a 14 sectores distintos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a Feira, nun acto no que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, e polo concelleiro de Mercados, Carlos Nieves. Todos eles percorreron os distintos os postos dos 107 comercios representados. Todo unha superficie de exposición de 2.466 metros cadrados.

O sector máis representado é o textil, con 57 stands. A continuación sitúase o sector do calzado con 11 expositores, complementos con nove, lencería-mercería con oito, artesanía e agasallos con cinco, pel con cinco, deportes con catro e decoración con tres estabelecementos representados. Tamén hai expositores pertencentes aos e sectores de cosmética, óptica, xoguetes, xoias e informática.

Ademais da superficie de exposición, habilitáronse outros 250 metros cadrados de área infantil para que as nais e os pais poidan mercar con tranquilidade mentras os menores xogan e se divirten. A zona infantil está a carón do espazo comercial e conta con dous inchables e un circuito de bicicletas. Compostela Outlet 2008 tamén dispón dun caixeiro automático instalado por Caixa Galicia co obxectivo de facilitar as compras das persoas que asistan á feira.

Hai un servizo de autobuses e balde para facilitar o desprazamento daquelas persoas que desexen asistir á feira de saldos. Os autocares teñen unha frecuencia de media hora e realizan o percorrido entre a praza de Galicia e o recinto feiral de Amio. Na xornada do sábado 26 saen autobuses entre as 13:00 e as 21:00 horas. O domingo a frecuencia iníciase ás 9:30 horas. O último autobús regresará de Amio ás 21:00 horas.

Compartir: