CULTURA

As entradas para o concerto de Conchita poderán recollerse no Teatro Principal

25/04/2008 As entradas para o concerto de Conchita, que se celebra o martes 29 no Teatro Principal, poderán recollerse, de balde, o luns 28 na taquilla do mesmo Teatro. O horario para recollelas é de 12:30 a 14:00 e de 18:00 horas en diante, cun máximo de dúas entradas por persoa.

Conchita chega a Compostela da man da Concellaría de Cultura e de Cadena 100 para cantar temas do seu primeiro álbum, Nada máis. Neste traballo ofrece 13 cancións máis unha sorpresa oculta que buscan o encantamento dende a naturalidade espontánea porque, como di Conchita "tento contar as cousas dun xeito sinxelo, para que calquera se poida sentir identificado. Son cancións de todos os días, que explican situacións que lle poden acontecer a calquera".

Producido por Juan Luís Jiménez (Presuntos Implicados) e con Antonio Vega como invitado especial na canción "E agora que", Nada máis achega a un mundo especial, dunha sensibilidade melancólica, case abandonada. "Compoño para min. Non penso na xente nin no que quero transmitir", di. "Regaláronme unha guitarra e empecei a compoñer. Sen ningunha razón especial. Tampouco a buscaba. Simplemente saiu", di Conchita, que nomea a Françoise Hardy, Henry Salvador e Edith Piaf como primeiras lembranzas musicais da súa infancia e a Iván Ferreiro, Jorge Drexler e Corinne Bailey Rae entre os seus artistas admirados.

Compartir: