ALCALDÍA

Reúnese a Comité de Dirección do PXOM para acordar o documento final que se remitirá a Política Territorial

25/04/2008 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que na tarde don luns 28 se reunirá o Comité de Dirección do PXOM. Este órgano decidirá sobre o texto final que se presentará á Consellería de Política Territorial sobre a parte non aprobada do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O Comité estudará o informe realizado polo equipo redactor, onde se atenden os requirimentos realizados no seu día pola Consellería respecto á parte do PXOM non ratificada inicialmente do PXOM. O obxectivo, indicou Sánchez Bugallo, é que a mediados de maio poida ser presentado o documento definitivo ao departamento autonómico. A partir de aí, Política Territorial dispón de tres meses para emitir o seu ditame.

Orzamentos
O alcalde tamén se referiu a outros temas de actualidade, coma os orzamentos municipais. Así, afirmou que "estamos achegándonos a un punto para pechar o acordo". Sánchez Bugallo apuntou que o Goberno municipal se atopou "cun escenario máis favorable do inicialmente previsto", especialmente no que se refire aos gastos correntes.

Entre as causas deste mellor escenario, citou os maiores ingresos por taxas de licenzas e impostos de construción, á vista do alto número de licenzas solicitadas, e á obriga de achegar unicamente 300.000 euros, e non 4 millóns como en anos anteriores, ao Plan de Saneamento.

Colexio Ramón Cabanillas
O rexedor municipal tamén expresou a súa satisfacción pola aprobación polo Consello da Xunta da licitación do novo Colexio Ramón Cabanillas, no Castiñeiro. "O anuncio da licitación sairá esta semana próxima e previsión é que no próximo curso se poida facer o traslado", apuntou.

O novo colexio, que multiplicará por tres a capacidade do actual, contará con 18 módulo: 6 de infantil e 12 de primaria. O orzamento previsto para a súa realización é de 4 millóns de euros.

Foro polo Civismo
Finalmente, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción pola "ampla participación" das diferentes entidades sociais na constitución do Foro polo Civismo. O luns 28 comezarán a funcionar os distintos grupos de traballo.

O alcalde, malia non esperar "solucións milagrosas", amosou a súa confianza en que o Foro sirva para "traballar xuntos e aunar esforzos" e que do mesmo "se deriven conclusións e un marco estable de traballo".

Compartir: