CONSORCIO

Nova edición do Compostela Organum Festival

25/04/2008 Entre o 3 e o 17 de maio, a Catedral e as igrexas da Universidade e das Ánimas acollen un novo ciclo do Compostela Organum Festival. Esta é unha iniciativa estreitamente vencellada ao patrimonio relixioso de Santiago e á revitalización dos órganos, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Compostela.

O festival conta coa participación de varios dos máis destacados organistas do panorama actual español e europeo, como Bruno Forst, Raúl del Toro Sola e Francis Chapelet, así como co cuarteto de metais da Real Filharmonía de Galicia.

Unha das novidades desta nova edición son os concertos didácticos para alumnos de Educación Secundaria que Bruno Forst ofrecerá na Igrexa da Universidade. Nesta igrexa e na Catedral levarase a cabo unha video-instalación, que consiste na colocación dunha cámara móbil no interior do órgano e outra no exteiror enfocando o teclado e os rexistros. Trátase de que o público, a través dunha gran pantalla, visualice ao mesmo tempo que escoita o concerto, todo un curioso mecanismo que se oculta trala fachada do instrumento, así como observar en primeiro plano ao organista.

Revitalización dun instrumento vencellado ás igrexas
Grazas a esta nova iniciativa cultural, o Consorcio pretende a revitalización dun instrumento intimamente vencellado ás igrexas, de forte presenza musical, e nos que se unen escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai destes órganos auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen.

Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no disfrute do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade. Así, aos órganos da Catedral e San Paio (unha das xoias restauradas polo Consorcio en 1996), sumáronse as restauracións dos da Igrexa de San Miguel dos Agros e o das Ánimas, tamén recuperados polo Consorcio, entre outros.

A tradición organística de Santiago de Compostela ven de lonxe, con nomes tan importantes como os fabricantes Baltasar Machado, Manuel de la Viña, Alberto de la Peña ou Mariano Tafall. Deste xeito, o Compostela Organum Festival completa a oferta cultural da cidade aproveitando o seu inxente patrimonio artístico e relixioso, precisamente nestes días de maio nos que Santiago celebra as súas tradicionais festas da Ascensión.

Compartir: