FESTAS

As festas da Ascensión traen actividades para todos os gustos e públicos

25/04/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentouo programa das Festas da Ascensión 2008, con actividades dirixidas a toda clase de públicos e para todos os gustos. As actuacións celebraranse en distintos puntos da cidade, dende o Campus Sur e a Alameda ata as diferentes prazas da zona vella.

A singularidade deste ano é que o propio día da Ascensión coincide coa festividade do 1 de maio. Por iso, dende a Concellaría agardan unha gran afluencia de visitantes, sobre todo estudantes universitarios chegados do resto de campus galegos.

Os dous primeiros días de festa, o mércores 30 de abril e o xoves 1 de maio, estarán máis enfocados cara un público xuvenil. O primeiro día poderán pasar unha noite de marcha coa Campus Party que se instalará no Campus Sur. Baqueiro apuntou que se trata duha cita pensada para que os máis novos gocen coas sesións de Cornelius, Ragdog, o Dj alemán Sash e o español Jesse García. Tamén haberá varios videojockeys e o espectáculo de performances e gogo´s. A festa, de entrada gratuíta, estará montada ao aire libre e "contará coa axuda de pantallas xigantes para que ningún dos presentes perda detalle do gran espectáculo de luces e son", explicou Baqueiro.

Ao día seguinte, o día propio da Ascensión, o lugar de encontro volverá estar no Campus Sur onde, coa chegada da noite, actuará o grupo murciano M-Clan para presentar o seu último traballo discográfico, Memorias de un Espantapájaros.

Ciclismo e cabalos
Os amantes do deporte tamén teñen o seu oco na Ascensión. O xoves 1 comezará a Volta Ciclista da Ascensión 2008, organizada pola Fundación Compostela Deporte e o Club Ciclista Compostelano. Na súa primeira etapa, os corredores sairán do Milladoiro para realizar o seguinte itinerario: Santiago-Pontecesures-Vilagarcía-Caldas de Reis-San Xurxo de Vea-Pontecesures-Padrón-Noia e de regreso a Santiago. Continúa o venres coa segunda etapa e un novo percorrido: saída da Ponte de San Lázaro-Arzúa-Vila de Cruces-Bandeira-Chapa-A Estrada-Santiago. Na terceira etapa do sábado realizarán un novo percorrido.

Ademais do ciclismo, o xoves 1 celebrarase durante toda a mañá no recinto feiral de Amio o Concurso cabalar da Ascensión. Haberá exhibicións de doma de alta escola e fantasías ecuestres con cabalos de pura raza galega do Centro de referencia do cabalo galego e cabalos de pura raza española.

Para nenos e mozos
Na xornada do venres 2, os máis pequenos terán unha festa de temática Safari no Paseo Central da Alameda, onde poderán xogar e pasar unha tarde entretida a partir das 18:00 horas. Ademais, os veciños dos barrios e parroquias da cidade poderán participar un ano máis no Campionato de Chave, que cumpre a súa triséxima segunda edición.

Pola noite, a música invadirá diferentes puntos de Santiago. O Campus Sur é o lugar escollido para que seis bandas, das 52 que conforman os grupos dos Locais municipais de ensaio (Ascensión Lírica, Mito Escrito, Bronquitis Crónica, Codename, Forraje e Dj Rhythm Part) presenten ao público os seus temas. Xa no Toural, e a partir das 23:00 horas actuará o jamaicano Ruanaway. Como actividade alternativa, montarase unha exposición de graffitis no Campus Sur que permanecerá instalada ata o sábado 3.

X edición da Festa dos Maiores
O sábado 3 é o día dedicado aos maiores. O recinto de Amio estará preparado para acoller ás 2.300 persoas que alí compartirán un xantar e gozarán coa animación dos cabezudos e bailarán coa música dunha orquestra. Baqueiro lembrou que as entradas xa están a venta, e poden recollerse ata o día 20 na caseta da praza de Galicia, no seu horario habitual.

Ás 20:00 horas a festa continuará no Toural coa actuación de seis corais compostelás. Segundo sinalou Baqueiro, trátase dun recoñecemento ao traballo que realizan diferentes colectivos sociais dos barrios da cidade, que "desexamos teñan resposta por parte de todo o público", destacou o concelleiro.

Ademais de todas estas actividades, haberá desfiles de cabezudos polas rúas, actuacións de grupos tradicionais e de folc, a actuación da Banda Municipal de Música e as orquestras que farán bailar a todo o mundo e gozar da festa de Santiago durante cinco días. E como non, os máis pequenos poderán xogar e pasar as tardes coas atraccións da Alameda.

Xosé Baqueiro invitou a todo o mundo a participar nas festas e aproveitar cada unha das actividades programadas, coa confianza de que o tempo acompañe e axude a unna importante afluencia de xente nestes días.

Documentos relacionados



Compartir: